Este xoves 21 o presidente da Asociación de Empresarios de Ribeira, Valentín González Formoso, visitou a sede da Asociación de Empresarios de Ribeira, co obxectivo de manter unha xornada de traballo. Nela abordáronse os distintos puntos que interesan ao desenvolvemento das obras do polígono. Estivo acompañado do presidente na asociación, Francisco Martínez Gude, así como do
alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, e membros da Corporación. Os empresarios valoraron que “puidemos constatar, por boca do presidente provincial, o compromiso da Deputación para abordar as obras da estrada de acceso ao polígono tal e como xa se comprometeu en anteriores ocasións”.
Na xuntanza expúxose a posibilidade de intervir sobre a estrada titularidade da Deputación que partindo de Xarás e transcorrendo por Frións vai cara a Couso e Aguiño, para habilitala como unha circunvalación de Ribeira, obra que complementaría a fluidez do trafico unha vez acabada a variante da Xunta xa en execución. Trátase, sinalou o presidente da patronal, dunha alternativa “pola que apostamos desde esta asociación”. A opción tivo unha boa acollida na xuntanza, durante a cal, tanto o presidente da patronal, como o alcalde, trasladaron a González Formoso diferentes proposicións de actuacións que tiveron moi boa acollida.
Dende a asociación, o Martínez Gude agradeceu ao presidente, unha vez máis, “o seu compromiso para connosco e o noso concello”. E engadiu: “Non queremos esquecernos de felicitar ao noso alcalde e á Corporación por cumprir co seu compromiso de aprobar antes de fin de ano o Plan de Urbanismo que desbloquea por fin as obras do polígono, permitindo desta maneira que as máquinas poidan empezar a traballar moi pronto”. Tamén pediu que “as tres administracións implicadas, Xunta, Deputación e Concello, vaian da man para a resolución desta e outras obras que poidan presentarse no futuro para o desenvolvemento que para a nosa cidade desexamos”.



