
O Boi berrou aquela noite entre a néboa de Fisterra e as cunchas de vieira fixeron chás-carrachás. A pandeira latexou a compás e a gaita galega apoiouse na guitarra acústica para marcar o tempo. Un acordeón diatónico, na compaña da gaita midi, un whistle e unha pandeireta deron un adeus largacío a un pincheiro no contrapunto do bouzouki e o bodhrán. Nacía, xa que logo, da unión do vento, o mar e o salseiro, un berro seco que agromaba no bosque sagro no que os druídas compuñan no son do ar os sete dicires das nove ondas que, en 1986 puxo no Pico Sagro o irto cabelo de quen trema polo futuro: Na proa do pincheiro, Ramón de Panchés. Daniel O Cormelán no temón. Fernando de Santiago, no maquinillo. Os demáis, aos cabos: Bieito Romero.
Inmma Macías.
Patxi Bermúdez.
Brais Maceiras.
Maria Naya.
Pedro Valerio Xavier Ferreiro
Xan Cerqueiro
Luar na Lubre segue na andaina iniciada nun ano de fonda significaciòn: cando na radio, na prensa e na televisión se anunciaba a inauguración na Coruña do primeiro e máis grande centro comercial da comarca. Luar na Lubre izou daquela a máis fermosa bandeira, a da amizade, o compromiso e a música, que se compilan nun libro-disco que o día 22 de decembro van presentar ás sete da tarde no hotel literario Bela Fisterra, como paso previo á actuación do grupo no Teatro Colón da Coruña o 26 de xaneiro, seguindo o ronsel de tantos outros pesqueiros de roncos e punteiros armados no Pindo e probados nas ondas de Fisterra, onde O Boi brúa e a frauta chora.:
“Fisterra vai na proa,
Camariñas vai noi mare.
Santa Uxía de Ribeira,
Pobra do Caramiñale…
Eu tamén choro,
eu tamén choro
Cando non se alumean
meu ben, eses teus ollos.
Se queres que brile a lúa
pecha os ollos, meu amore..
Que mentras os tes abertos
a lúa pensa que hai sole..
Para sardiñas,Aguiño
para bolos Castiñeiras.
Para mozas bonitas,
Santa Uxía de Ribeira.
Mar e música. Boa proa, mariñeiros da Lúa.
…



