A patronal noiesa (Noia Histórica) presentou este xoves 14 de decembro a súa Campaña de Nadal, convocada baixo o lema Noia, preto de ti e contando novamente coa colaboración do Concello. A campaña vén con obxectivos renovados: impulsar e reivindicar o comercio de proximidade da vila e do concello ao tempo que se recompensa a quen aposta por este hábito que contribúe á economía local, á sustentabilidade e ao fomento dun comercio xusto.
Participaron na presentación o concelleiro de Comercio, Pepe Pérez, e a presidenta de Noia Histórica, Alba Expósito. Segundo fixeron saber, amais dun programa de animación de rúas a campaña virá con sorteos (dous) por un valor total de 3.000 euros. Este ano a novidade é que un dos sorteos será presencial, o sábado 23 de decembro, con 5 premios de 200 €. O outro sorteo (de 2.000 euros) será o 8 de xaneiro. No capítulo de actividades, haberá tren infantil o 2, 3 e 4 de xaneiro, panxoliñas nas rúas, Belén en Santa María e máis elfos, paxes reais e decoración nas rúas…