
O Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro de 2023, un dos relevantes galardóns literarios da nosa comarca e a xeografía galega, xa ten gañador. Trátase de José Luis Baños, que obtivo o premio desta sexta edición, á que concorreron trinta textos, grazas á súa obra Fóra de xogo.
Marcos Calveiro, director de edicións de Galaxia; María Xesús Blanco, presidenta da Asociación Cultural Barbantia; e María Canosa, gañadora da quinta edición, integraron o tribunal que destacou a calidade dos orixinais presentados. O libro galardoado narra unha relación de amizade entre dúas nenas do Afganistán unidas polos seus soños arredor dun balón e as normas do fútbol; de aí vénlle o título. “Reivindícanse así os dereitos das nenas a través do deporte, da amizade e dos soños compartidos nunha situación de discriminación e desesperanza”, sinalou o xurado.
O premio, segundo explicou a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, supón unha dotación económica de 3.000 euros, a publicación na colección Árbore da Editorial Galaxia e a distribución de exemplares entre a rapazada pobrense. A edil engadiu que con esta nova obra vai medrando unha colección “moi interesante” arredor do premio literario.
Agora, o nome de José Luis Baños súmase ao das persoas gañadoras nas anteriores edicións: Patricia Mallo, con Os Fantom; Xosé Antonio Neira Cruz, con O enigma do baúl pechado; a terceira edición quedou sen adxudicar, por se estimar que ningún dos textos acadaba a suficiente calidade literaria; repetiu Neira Cruz con Por mor de cinco pizzas aos catro queixos; e Teño un volcán dentro, de María Canosa.
O galardoado xa resultou distinguido polo Certame de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño con A cámara escura, en 2020, e Lume, en 2022.
Convocado polo Concello da Pobra do Caramiñal, a Editorial Galaxia e a A. C. Barbantia, o Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro busca estimular a produción literaria destinada a un público lector con idades comprendidas entre os 8 e 12 anos, promover os autores e autoras en lingua galega de literatura infantil e homenaxea-lo escritor falecido en 2017.
A entrega do premio e presentación do libro efectuarase nos vindeiros meses.



