Rematada a presentación, o xoves, do libro “La radio informativa en España. De la censura a la libertad”, da autoría do xornalista ourensán Domingo González que foi redactor e director de RCE e RNE en Galicia e máis director de TVE en Galicia, suscitóuse un interesante debate sobre a existenza ou non de censura informativa nos medios de comunicación españois. Desde a mesa que compartían o propio Domingo González e o exdirector de RNE e de TVE, Diego Carcedo, defendéuse o feito dunha liberdade de prensa constatable a día de hoxe ao abeiro da Constitución española e cun certo recoñecemento de que sí existe determinado control sobre o que se publica, pero non por parte do Goberno senon polo da empresa propietaria do medio.
Compartindo en parte tal exposición, mantiven e manteño que esa censura existe e que esta fáise presente cada vez máis tanto nos medios de comunicación privados como nos públicos, sexan estes estatais, autonómicos ou locais. Con moita diferenza, evidentemente, sobre a que se exercía no franquismo, que era aplicada previamente (co que, chegado o caso, non se emitía ou publicaba determinada información, segundo fose o medio).
A censura actual aplícase abruptamente en determinados casos. Por exemplo obrigando ao redactor de turno a escribir prácticamente ao dictado. Ou obrigando a non dicir o que pode incomodar a quen “paga” con publicidade os favores outorgados, ou gañando “puntos” á vista do político de turno porque o medio da conta do que ao político convén. Non é censura previa, como nos pasaba en tempos do franquismo, cando desde as institucións estatais se enviaban aos centros de prensa e radio -estou absolutamente convencido de que tamén a TVE- textos en ciclostil de obrigada lectura en radio e tv., e publicaciòn en prensa. Era obrigada asimesmo a autorización da delegación ou o Ministerio de Información e Turismo do texto a emitir/publicar (censura previa) e o control era exhaustivo sobre os medios radiofónicos e televisivos, con chamadas ao orde ou despedimento fulminante do redactor/locutor no caso de este non respectar as indicacións dadas pola dirección do medio en cuestión.
Hoxe en día estas cuestións están superadas oficialmente; pero que nos medios privados podes estar vetado para traballar en función da túa tendencia polìtica é máis que evidente. E nos medio públicos, se ben non poden obstaculizar que te presentes á oposición convocada para ocupar tal ou cal praza, sí poden -de feito o fan- evitar que este ou aquel redactor/redactora incómodo/da por esa súa tendencia política contraria redacte/lea información que afecte negativamente aos intereses da autoridade.
Que non unha censura propiamente dita?. Probablemente. Máis é censura que afecta ao redactor, obrigado a non contar a verdade dos feitos, ao tempo que se furta esta verdade ao lector/oínte/telespectador, co que a figura do censor actúa contra os intereses do público ao que o traballo realizado estaba destinado.
É o que denuncian os redactores da radio e a televisión autonómicas galegas desde vai anos coa campaña dos venres negros, asi como colegas doutros medios asimesmo autonómicos de España aos que non é doado poñer nas listaxes de parados porque resulta prácticamente imposible xustificar o seu despedimento. Outra cousa é o que pasa nas empresas privadas de comunicación, sempre o traballador con menos defensa diante dos intereses de aqueles que impoñen as condicións.
Estou convencido de que, máis ou menos sutilmente, a censura existe e que se aplica sen rubor. A moita distancia verdadeiramente da existente no franquismo e a pre-democracia española. Pero está aquí, de onde nunca se foi de vez.



