
O Teatro Coliseo Noela de Noia acolleu este xoves 21 de decembro, pola mañá, o tradicional Festival de Nadal da asociación da nosa comarca Amicos. O evento comezou ás 12 horas coa presentación do Calendario Solidario da entidade, á que acudiron representantes dalgunha das empresas colaboradoras así como distintos membros de gobernos municipais da zona. A continuación, os membros da comunidade Amicos actuaron nunha xornada cargada de música, bailes, xogos e moito teatro.

O festival arrincou coa presentación do calendario do próximo ano, que nesta ocasión ten como temática principal as profesións e labores artísticas. Nel participaron unha ducia de amicos e amicas dos centros de Boiro, poñéndose ante as cámaras de Lesmes
Fotógrafos para representar traballos como o de fotógrafo, director de cine, músico ou palilleiro entre outros. Todo isto dende “unha visión moi persoal, intimista e moi artística”, explicaron os responsábeis da asociación, engadindo que os calendarios benéficos poden adquirirse no Centro de Atención Integral de Boiro, cun custo de 7 euros o de mesa e 8 euros o almanaque grande para pendurar. A creación do mesmo contou coa participación de Lesmes Fotógrafos.
Adriana Miguéns e Gabriel Rodríguez, membros de Amicos, foron os encargados de dar a benvida aos asistentes. Tras eles, Digna Iglesias, vicepresidenta de Amicos, quixo destacar a gratitude de Amicos “con Lesmes Fotógrafos, que leva máis dunha década colaborando con nós e facendo as fotos do calendario, e darlles as grazas tamén ás empresas colaboradoras, que fan que este calendario sexa posíbel, así como con todos os que colaboran con nós e ao Concello de Noia”. Un calendario benéfico que cualificou como “moi bonito, cunhas fotos preciosas”.

A continuación, Iglesias agradeceu a presenza das persoas que asistiron ao festival, unha gratitude que tamén quixo trasladarlles aos asistentes Concepción Rodríguez, representante de Gadis no evento.
Tras estas palabras comezaron as actuacións, que foron presentadas por Nuria Fernández, coordinadora do centro de educación especial de Oleiros, e os pekes Mariana Zurita e Alfonso Romero. Os primeiros en actuar foron os cativos e cativas de Pekes, que cantaron o vilancico O camiño que leva a Belén acompañados de utensilios feitos por eles mesmos.Os seguintes foron os amicos e amicas do centro de Boiro. O primeiro grupo cantou varias panxoliñas, tanto de composición propia como tradicionais, acompañados polo técnico Javier Lagares á guitarra. A continuación foi a quenda dunha coreografía do tema de Sergio Dalma Sólo
tú e despois un baile adaptado representado por amicos con mobilidade reducida de Feliz Navidad, para o que botaron man de bastóns de caramelo xigantes e balóns terapéuticos.

Despois chegou o momento do Obradoiro de Teatro de Amicos, que representaron unha obra baseada en Papá Noel, na lectura das cartas e o reparto dos agasallos durante a Noiteboa. Con toques de humor, as personaxes chegan á conclusión de que o maior regalo do Nadal son as xuntanzas cos seres queridos, tralo que cantaron o vilancico El tamborilero.
A última actividade da mañá foi o lotobingo impulsado polos pekes, que foron os encargados de crear todo o equipamento e realizar o sorteo, inspirado no sorteo da Lotería de Nadal. Se ben participaron todos os asistentes, o gañador foi Andrés Rosendo, que recibiu como premio unha cesta cunha axenda, unha postal e un dominó, ámbolos dous elaborados polos amicos máis cativos.
Arredor das dúas tivo lugar o peche do evento, no que todos os membros da comunidade convidaron ao resto de asistentes a subir ao escenario para cantar e bailar as panxoliñas Mi burrito sabanero e Campana sobre campana, e os presentadores ata se animaron a cantar!





