
Xa ninguén dúbida de que a burbulla inmobiliaria e a enorme expansión do parque de vivendas respondeu máis a unha motivación económica e especulativa que a unha necesidade social. Consecuencia diso é que, en moitas cidades, pobos e comarcas do noso país, atópanse miles de vivendas baleiras, mentres hai familias que viven en infravivendas ou se atopan baixo a ameaza dun desoloxo, por situacións sobrevindas de vulnerabilidade económica.
As pésimas políticas aplicadas sobre as vivendas públicas, sociais, ou de especial protección con destino a familias con escasos recursos foi un fracaso e non chegou a conseguir os fins que se perseguían inicialmente. Todos lembramos, aínda non hai moitos anos, en plena transición democrática cando se construían centenares de vivendas sociais e eran adxudicadas a familias acomodadas e con suficientes recursos, por ser un cliente vip dalgunhas entidades financeiras, ser amigo ou familiar do funcionario ou político de quenda ou simplemente un dos habituais “caciques” que gobernaban utilizando a súa influencia para consentir o abuso de poder, en favor dos seus amigos ou familiares.
A especulación e o enriquecemento ilícito, á conta dun ben público, fundamental e de primeira necesidade, segue sendo unha pauta para seguir por parte dalgúns concellos e comunidades autónomas que se afixeron a “privatizar” o parque público de vivendas existente para que se enriquezan entidades e empresas privadas á conta de investimentos millonarios con diñeiro público.



