
A Deputación da Coruña viaxa dende o luns 6 ata o mércores 8 a Barcelona para visualizar e reivindicar A provincia que sabe, a súa marca turística e gastronómica. Farao no prestixioso Fórum Gastronómic, onde impulsará diferentes actividades como vermús, obradoiros de cociña, degustacións, charlas e ata a elaboración do ritual tradicional da queimada.
“Queremos dar a coñecer non so a nosa riqueza gastronómica e paisaxística, seón tamén a nosa idiosincrasia, que nos fai tan únicos”, sinala o vicepresidente da Deputación e deputado de Turismo, Xosé Regueira, engadindo que “todo iso forma parte do atractivo turístico da provincia”.

A programación desta edición céntrase en catro xeodestinos: Ría de Muros – Noia; Costa da Morte; Ferrolterra e As Mariñas. Haberá, como dixemos, showcookings impartidos por recoñecidos cociñeiros locais; degustacións de produtos típicos de cada zona; e charlas sobre diferentes viños coruñeses e catas dos vermús Green Mixology e Bravú. Todo isto súmase ao ritual tradicional da queimada, que se poderá vivir durante os 3 días ás 16:00 horas no stand da Deputación da man de Miguel Queiro e Gonzalo Viñas.
No caso da ría de Muros – Noia, os chefs Pepe Senande de A muradana de Muros e Fernando Rodríguez e Eva Mª Guzmán, de O Secadeiro de Outes, cociñarán diferentes pratos con produtos da ría. Da Costa da Morte, estarán Adrián Loureiro e Alberto Cuenca, de Furna Atlántica de Caión (Laracha) e Silvia Facal, de Balarés (Ponteceso) preparando menús a base de peixes e mariscos da zona. De Ferrolterra, Adrián Pérez (Sinxelo de Ferrol) elaborará unha receita que mestura mar e montaña. E, de As Mariñas, Lolo Mosteiro e Paula Martínez, de A Artesa da Moza Crecha (Betanzos) farán unha innovadora proposta con diferentes produtos locais.
As charlas sobre viños coruñeses correrán a cargo de Juan Chamorro, enólogo de Adega Cazapitas, e Alberto Varela, sumiller e CEO de Choiva Viños.
Ademais, poderanse degustar diferentes receitas a cargo da Despensa d´Lujo: fabada celta, fabón con nécora e verdinas con ameixas e langostinos.
Todas estas actividades da Deputación no Fórum Gastronómic de Barcelona responden ao compromiso da área de Turismo de “situar no mapa internacional a riqueza e autenticidade da nosa provincia e dos nosos xeodestinos” e, ao mesmo tempo “impulsar o bo facer dos nosos cociñeiros, produtores locais e diferentes profesionais que traballan no sector turístico”, apunta Regueira.
Gabinete de Prensa