
O Concello de Muros pecha este sábado 25 de novembro oito días de intensa actividade arredor da súa campaña para impulsar o consumo responsábel e o comercio local e de proximidade, facendo fronte ás ofertas das grandes cadeas como o Black Friday. Estamos a falar da campaña local Muros Consciente Consciente. A iniciativa, promovida dende o Concello e coordinada por varios axentes locais comprometidos como son Espazo A Maceta, Fresco y del Mar, Auga e Sal e Galuriña, inclúe este venres 24 e mañá (sábado 25) mesas sobre emprendemento sostible e comercio local, a presentación dos proxectos elaborados polos alumnos e alumnas de 1º de Bacherelato do IES Fontexería, un roteiro e unha exposición.
A alcaldesa de Muros, María Lago, fixo un balance “moi satisfactorio” de Muros Consume Consciente”. Ao seu xuízo, “o máis importante é que a xente entendeu os motivos reais da iniciativa, a importancia dun consumo responsábel e respectuoso cos recursos do planeta”. Tamén destacou “a implicación do comercio” (vestindo de negro os escaparates dos baixos para despois facer instalacións de tape art sobre eles), das asociacións de veciños, das comunidades de montes ou da comunidade educativa.

“Muros Consume Consciente naceu como unha campaña para concienciar sobre a necesidade dun consumo responsábel, ademais de apoiar ao comercio local a loitar contra as prácticas consumistas das grandes superficies, que afogan ao comercio de proximidade”, engade Lago.
En palabras de Lago, “cremos que hai que dar unha volta a esta situación, coñecendo tamén a irresponsabilidade que hai detrás destas prácticas consumistas, promovendo un consumo responsable e apoiando á sociedade e o comercio local”. “En definitiva, dándolle cor a este venres negro”, rematou.
Alba Fernández, de Espazo a Maceta, destacou que “grazas á implicación de toda a comunidade, o que inicialmente é unha idea, un deseño, implementouse grazas a enerxía de cada un dos veciños, que responderon á iniciativa e conseguiuse un impacto moito maior do que orixinalmente imaxinabamos. Sabemos que xa hai outros concellos que queren seguir a iniciativa o ano que vén. Ese é o mellor indicador do éxito do que aquí se iniciou”.



