Mulleres en Acción une ao Barbanza contra a violencia machista neste 25N

23 Novembro 2023

Con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra as Mulleres, a plataforma Mulleres do Barbanza (Mulleres en Acción) preparou novas actividades de homenaxe ás vítimas e de repulsa contra a lacra das agresións. O obxectivo é unir á comarca por enteiro, á cidadanía, ás institucións e aos colectivos do Barbanza, fronte á violencia machista e fronte a quen a nega e a minimiza. O programa tamén porá o foco na problemática da guerra, cunha lembranza especial ás mulleres do xenocidio en Palestina.

Mulleres en Acción, a asociación feminista do Barbanza, organizará un acto en repulsa das violencias machistas
en honra a todas as vítimas o sábado 25 de novembro ás 18:00 h, na porta do Sol de Ribeira. O acto realizarase mediante unha performance arredor dunhas lápidas das vítimas deste 2023 mais a lectura dun manifesto. As organizadoras animan a toda a poboación barbancesa a “unirse e berrar polas que non teñen voz, polas que non poden e pola
necesidade de ocupar espazos como as rúas que son de todas”.

Para continuar coa xornada do 25 de novembro a asociación organiza unha palestra en mans da psicóloga Beatriz Guerra en decembro (data por concretar) para falar sobre violencias machistas en mulleres con discapacidade, en palabras da plataforma “unha realidade aparentemente bastante descoñecida e moi frecuente”.

Cifras arrepiantes

O colectivo destaca que entre xaneiro e xuño de 2023 rexistráronse un total de 398 delitos contra a liberdade sexual en Galicia, segundo os datos do último informe sobre criminalidade do Ministerio de Interior. Deles, 146 déronse no rural. En provincias como a de Lugo, a porcentaxe chega ao 60,5 %. No conxunto da comunidade, queda no 36,7 %.

Indican que a “loita feminista non tería sentido sen involucrar a toda a sociedade, sen que os homes entendan que o feminismo non é unha loita contra eles, non poderán axudarnos a rematar co patriarcado e conseguir cunha sociedade igualitaria sen violencias”.

Mulleres en Acción do Barbanza fai fincapé que “é un ano onde a vaga da dereita e ultradereita fronte ao feminismo fica máis forte, mais tamén aprendimos profundamente o que significa a sororidade e que non loitamos soas. As mulleres, as emigrantes, as racializas, as trans, as discas as nenas, as maiores… todas xuntas. É un cambio de década, o ano das mulleres! Dicimos acabouse”.

Segundo avanza a asociación, no manifesto “está moi latente a organización das compañeiras da limpeza por un
convenio digno, as mulleres do Servizo de Atención ao Fogar, as profesoras de educación infantil, as activistas palestinas e doutras terras colonizadas e ocupadas; as compañeiras das conserveiras e as traballadoras do SERGAS para paralizar o desmantelamento da atención primaria”.

E engaden: “O feminismo galego non esquece ás mulleres do xenocidio en Palestina. Neste mes de novembro estamos sendo testemuñas dun xenocidio televisado no que a violencia patriarcal colonial do estado de Israel contra as palestinas está superando todos os límites imaxinábeis”.

O colectivo lembra tamén que no Estado español levamos 93 feminicidios, “motivo máis que suficiente para encher o país de actos, berros, discursos e apertas”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Palabra de Rei”. Xulio Xiz

“Palabra de Rei”. Xulio Xiz

En foto de hai 48 anos podemos ver ao bispo de Lugo, Ona de Echave, asperxendo a Juan Carlos e Sofía, Reis, na porta norte da Catedral de Lugo, ante a mirada atenta de José Ferro. Eran tempos nos que “palabra de Rei” significaba firmeza nos tratos das...