Et Suseia Danza leva a Rianxo “O que non se ve”, que mestura danza tradicional e contemporánea para falar da muller

14 Novembro 2023

A Sala Arcos Moldes será o escenario esta semana dun espectáculo de danza que fusiona dous estilos a priori sen nada en común. Et Suseia Danza presenta O que non se ve este sábado 18 de novembro no Auditorio Municipal rianxeiro, en palabras da compañía “unha aposta moi particular pola mestura do baile tradicional galego coa disciplina contemporánea con dúas bailadoras sobre as táboas e acompañamento de percusión”.

Esta nova peza vén dar continuidade a un proxecto nacido a finais de 2021 coa idea de crear sinerxías entre dous mundos das artes escénicas, o tradicional e o moderno. O resultado son obras como esta que se estreou no marco da programación cultural do Concello de Santiago e que pretende mostrar o que existe máis alá das vestimentas, representando a través desta danza híbrida e perfectamente conxugada a forza e a loita da muller na sociedade actual.

Segundo explican dende Et Suseia Danza, “a nivel musical a peza aporta unha nova sonoridade nas melodías mergullándose na percusión tradicional pero enfocándoa cara un aspecto máis actual; e tamén mudan as letras facendo letras propias, amosando o poder da muller do rural galego como clave da conservación da tradición oral”.

As coreografías son orixinais de Et Suseia, creadas por Erick Pegueros, Diego Landín e Gustavo Couto e interpretadas por Iria Portos e Iria Calvar, como bailadoras titulares, con Cristina Cotilla na percusión.

A compañía

Et Suseia Danza adoptou o nome dun saúdo de ánimo entre peregrinos e peregrinas que significa “imos alá” ou “máis alá”. A expresión representa “a esencia da compañía”, que pretende “ir máis alá no mundo da danza mesturando tradición con modernidade”. Desa necesidade de expresión unindo dous estilos fundouse a finais do 2021 Et Suseia, xurdida da colaboración entre OCT Ultreia (Santiago) e o Ballet de Galicia (Marín). En pouco tempo buscou crear un espazo propio dentro da danza en Galicia realizando diferentes actuacións e acadando varios recoñecementos: 1º Premio no Certame Coreográfico organizado pola ASPG (2021); 3º Premio da categoría Fusión no concurso Vigo Porté (2021) finalistas do concurso Interritmos- Son do Rural, organizado pola Asociación DELOA (2021) e premio do público como mellor peza de danza no circuíto Compostela Cultura 2023.

Et Suseia está composta por:

Iria Portos (Santiago de Compostela, 1999). Formada en danza tradicional dende os 4 anos no OCT Ultreia e Armadanzas de Laraño. Galardoada en diferentes concursos como mellor bailadora da edición (Xacarandaina 2016, ou Padrón 2010). Domina todos os instrumentos de percusión de man da tradición galega. Actualmente está a formarse en danza contemporánea no Ballet de Galicia.

Iria Calvar (Marín, 2001). Formada en danza contemporánea no Ballet de Galicia, leva anos sendo recoñecida con diferentes galardóns como o 1º premio en danza contemporánea no evento Grand Plie de Ávila 2021 ou o 1º premio como solista no concurso internacional Vigo Porté. Recibiu unha bolsa para a “International Summer School, Collaboration with YGP in Volta Mantovana, Italy”.

Cristina Cotilla (Santiago de Compostela, 1999). Formada en música e baile tradicional no OCT Ultreia. Vocalista e percusionista do grupo Carapaus co que ten editado recentemente o disco “Camiño da vida Tola”. Formouse en percusión clásica no conservatorio profesional de Santiago de obtendo o grao Profesional. En 2022 obtén o grao en Musicoloxía pola Universidade Internacional de Valencia.

Diego Landín (1994). Ós 6 anos comeza os estudos de danza e piano en Pontevedra e anos máis tarde obtén o Grado Elemental de Danza Clásica no conservatorio Mayeusis de Vigo. Ós 17 anos é admitido no grao profesional do conservatorio Madrileño de Danza Clásica e Danza Contemporánea de Carmen Roche “Scanea” e ese mesmo ano é seleccionado polo taller coreográfico de Benicassim (Valencia) para a representación de “Jardi Tancat”, coreografía de Nacho Duato. En abril de 2019 é nomeado coreógrafo residente do Ballet de Monterrey (México).

Erick Pegueros: Licenciado en danza clásica pola ESMDM de Monterrey-México. Medalla de prata na categoría ensamble do YAGP na súa edición 2014 cunha coreogrfía de Jaime Sierra. A súa coreografía “Cempasúchil” acadou o primeiro lugar no YAGP 2020. Participou en proxectos escénicos como Proxecto Trex, Poc Impulse ou CIART/Wirikuta the night show. Ten formado e forma alumnos con bolsas e aceptados en escolas e compañías de todo o mundo como: Joffrey Ballet School, Boston Conservatory of dance ou Escola superior de Música e Danza de Monterrey.

Gustavo Couto (Santiago de Compostela). Mestre de baile tradicional galego dende 2003, compaxinando o seu traballo de docencia co traballo de campo para a recuperación de bailes e músicas por toda Galicia. É coautor do Libro-DVD “Bailabén” de aprendizaxe do baile tradicional, entre outras publicacións. Na actualidade é mestre de baile tradicional en diferentes grupos, entidades e asociacións. Ademais é percusionista de grupos como Ultreia ou Carapaus, co que ten editados 3 traballos discográficos. Colabora semanalmente co programa da CRTVG “Lume na Palleira”.

Outros artigos

Xoves 14, nubes e claros e risco de chuvias cara a noite

O xoves quedamos entre o anticiclón e as baixas presións . Agárdase un día de ceos con nubes e claros con posibilidade de chuvascos máis probables no sur da Comunidade e a últimas horas do día. As temperaturas sufrirán un moderado ascenso. O vento soprará do nordés...

+

Un home resultou ferido en Noia tras ser atropelado

Pasadas as 9:15 horas, os servizos sanitarios alertaron ao 112 Galicia de que un home acababa de ser atropelado na rúa da República Argentina, en Noia. O ferido presentaba lesións en ambas pernas, pero estivo liberado e accesible en todo momento. De inmediato, desde o...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Nélida Piñón, eterna”. Alberto Barciela

“Nélida Piñón, eterna”. Alberto Barciela

Nélida Piñón fue, debería decir es, un ser de realidades inusitadas, desacostumbradas al menos. Pervive en su obra inmensa, en sus obras, en sus archivos, y sobre todo en el cariño de sus amigos, en el recuerdo de sus admiradores, en la evocación permanente de los...