A concelleira de Cultura, María Outeiral, presentou este martes 7 de novembro o programa de actividades culturais para o mes de novembro. A axenda inclúe cinema, teatro e actividades para festexar o magosto. Ás actividades programadas polo Concello de Boiro súmanse as propostas de asociacións e entidades veciñais.
No mes de novembro continúan as citas co cine de man do Ciclo de Cine Mestre Mateo. Este domingo proxectarase ás 19.00 horas no Centro Social de Boiro o filme O corpo aberto e o sábado 18 de novembro Unicorn Wars. Ademais haberá unha nova proposta cinematográfica coa proxección o 19 de novembro de O Corno. As entradas están xa á venda. E o 25 de novembro, proxección da curtametraxe Lavadoiro.
Tamén haberá teatro na programación cultural do mes de novembro con propostas para público infantil e tamén adulto. Este venres ás 21.00 horas na Casa da Cultura de Boiro, representación de Unha inimiga do pobo de Talía Teatro para público adulto e o sábado ás 19.00 horas, Molto Barroco de Píscole Teatro para público infantil e familiar. O venres 24 de novembro ás 21.00 horas, Made in Galicia, unha representación de Sarabela Teatro.
A Casa da Cultura de Boiro acolle tamén no mes de novembro a mostra de teatro escolar coa participación dos distintos centros de ensino do municipio entre o 13 e o 17 de novembro. Nesta ocasión acollerá as representacións Pérez y Fernández, As palabras perdidas, Frida, Travesía unicornio e Asamblea xeral.
A todo o devandito únense máis propostas para público infantil e familiar, como o espectáculo Extra! de Paco Nogueiras o venres 10 de novembro ás 17.30 horas no Centro Social de Cabo de Cruz; e tamén unha presentación literaria, a de 5, a nova publicación de Ana Lojo.
A estas propostas programadas polo Concello de Boiro súmanse outras actividades organizadas por colectivos ou entidades. A Comisión de Festas da Boliña organiza este sábado a partir das 18.00 horas no Campo de Revelar o seu tradicional magosto con castañas e viño e a actuación de A Dorniña de Abanqueiro. Tamén o sábado magosto en Moimenta, organizado pola Asociación de Veciños de Moimenta con música e xogos tradicionais.
“Unha vez máis a unión do Concello con colectivos e entidades fai que teñamos un programa de actividades moi variado para desfrutar pequenos e maiores durante todo o mes de novembro”, afirmou a concelleira de Cultura, María Outeiral.
Programación
Xoves 9 de novembro, 12.00h – Pazo de Goiáns: encontro de xestores culturais.
Venres 10 de novembro, 17.30h – Centro Social de Cabo de Cruz: Extra! de Paco Nogueiras.
Venres 10 de novembro, 20.30h – Pazo de Goiáns: presentación do libro 5 de Ana Lojo Chan.
Venres 10 de novembro, 21.00h – Casa da Cultura de Boiro: Unha inimiga do pobo de Talía Teatro.
Sábado 11 de novembro, 16.30h – Moimenta: magosto da Asociación de Veciños de Moimenta.
Sábado 11 de novembro, 18.00h – Campo de Revelar (A Boliña): magosto da Comisión de Festas da Boliña.
Sábado 11 de novembro, 19.00h – Casa da Cultura de Boiro: Molto Barroco de Píscole Teatro.
Domingo 12 de novembro, 19.00h – Centro Social de Boiro: proxección de O corpo aberto do Ciclo de Cine Mestre Mateo.
13 ao 17 de novembro – Mostra de Teatro Escolar
Sábado 18 de novembro, 20.00h – Centro Social de Boiro: proxección do filme Unicorn Wars do Ciclo de Cine Mestre Mateo.
Domingo 19 de novembro, 19.00h – Casa da Cultura de Boiro: proxección do filme O Corno.
Venres 24 de novembro, 21.00h – Casa da Cultura de Boiro: Made in Galicia de Sarabela Teatro.
Sábado 25 de novembro, 09.00h – Centro Social de Boiro: xornada micolóxica.
Sábado 25 de novembro, 12.00h – Centro social de Boiro: proxección da curtametraxe Lavadoiros.