
Despois duns meses de seca que nos fixo tremer por se podía cumprir a previsión imposta polos trocos forzados por excesos como os do Neno (El Niño) ou A Nena (La Niña), ese fenómeno climático que ten que ver co quecemento-enfriamento do Pacífico oriental ecuatorial, Galicia afoga: 374 litros de auga por metro cadrado rexistrados nos últimos 30 días, feito que obrigou a abrir os alivadoiros dos encoros porque a capacidade destes víase rebordar sen remedio.
Esta apertura dos sistemas que permiten a retención da auga encorada, ao tempo que alivou á veciñanza, levou a inquedanza a moitas familias que viven do marisqueo, especialmente na ría de Muros-Noia onde, segundo os propios mariscadores, as poucas esperanzas que tiñan de poder salvar unha pequena parte do berberecho sementado, foron polo mar abaixo xusto cando maior rendibilidade poderían acadar a ese duro traballo: as festas de Nadal e Aninovo.
Rebordan os encoros, os ríos e as choivas asolagan terras e anegan casas, hai estradas moi afectadas polas que resulta inviable a circulación de vehículos, e a actividade frenética dos bombeiros e persoal de Protección Civil e policía local fai que todo sexan presas e ansias de chegar canto antes alí onde é necesaria a súa intervención.
A provincia da Coruña, especialmente a franxa máis preto de costa é a que padece as consecuencias máis negativas dos contínuos vendavais, que fan que a veciñanza busque o amparo das súas vivendas, cando non é ese mal tempo o que a obriga a permanecer como “encarcerados” e co teléfono á man por se fora necesario recorrer aos equipos de emerxencia.
Neste senso, a comarca da Ferrolterra é das máis castigadas, se b en loutras non van moia atrás. Todo elo fai que se manteña activo o Plan de Protección Civil da Xunta porque, a máis, son varios os ríos cuxa avaliación debe ser contínua porque existe risco do seu desbordamento, como acontece no caso do Rego das Mestas, en Valdoviño. Idéntica situación se rexistra noutros cinco ríos galegos: no Oitavén, en Soutomaior; Mandeo, en Aranga; Barcala-Tambre, en Negreira; Dubra-Tambre, no Val do Dubra, e Castro en Cee.
A segunda metade do mes de outubro e o que levamos de novembro fai que sexa de aplicación o dito “chove sobre mollado”, con temporais que non dan tregua. É un outono á vella usanza, pero con máis cantidade de auga acumulada e forte vento que, en boa medida, contribuen a pensar nun aforro económico importante e a se conformar coas temperaturas que, na provincia coruñesa, oscilaron entre os 18 e os 21 graos durante estes días últimos. O vento, que no cabo Ortegal e nas costas de Cedeira superou con moito os 100 quilómetros por hora, tamén aportou o seu grao de area á redución de prezos por mor da contribución procedente dos parques eólicos.
No suroeste da provincia da Coruña e o territorio montañoso entre Pontevedra e Ourense, sempre zonas consideradas as máis chuviosas da comunidade autónoma galega, o pluviómetro estabelece marcas que superan notablemente os 700 litros por metro cadrado.
A este respecto, e segundo Emerxencias Galicia é factible que en estradas e rúas destas zonas da comunidade autónoma se atopen bolsas de auga; desprendementos de terra e pedras; anegamentos circunstanciais en vías, baixos, garaxes e vivendas e escasa visibilidade ao volante, sendo recomendable a atención ás enchentes dos ríos.



