Antón Riveiro Coello recibiu o I Premio de Novela Álvaro Cunqueiro por Hotel Carioca

09 Novembro 2023

Mondoñedo acolleu os días pasados a entrega do I Premio de Novela Álvaro Cunqueiro, que foi dar finalmente ao escritor Antón Riveiro Coello pola súa novela Hotel Carioca, recentemente presentada no Pazo de Goiáns (en Boiro). Riveiro é un escritor da Limia fortemente vencellado ao Barbanza, onde ten residencia dende hai anos. Ademais, ten ambientado na nosa comarca relatos e novelas, por exemplo unha das grandes xoias da literatura galega recente, Laura no deserto, ambientada na Pobra do Caramiñal, ou A canción de Sálvora. É membro da Asociación Cultural Barbantia.

O premio, dotado con 9.000 euros e a publicación da novela por parte de Editorial Galaxia, está convocado polo Concello de Mondoñedo coa colaboración da Xunta de Galicia (Secretaría Xeral de Política Lingüística) e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro, co obxectivo de “honrar a memoria do escritor mindoniense, do cal toma o nome, e promover a escrita en lingua galega”.

Na entrega do galardón participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que comezou a súa intervención dando os parabéns ao gañador pola súa nova novela “na que, a través da súa conexión entre Galicia e o Brasil, vemos, unha vez máis, a importancia de tecer pontes co mundo da lusofonía, ao cal estamos especialmente ligados pola nosa lingua e cultura”. Ademais, Valentín García agradeceu a iniciativa desta primeira edición tanto ao Concello como á Casa Museo Álvaro Cunqueiro por “homenaxear a un dos escritores máis relevantes das nosas letras ao tempo que se lle dá visibilidade ao talento da literatura en galego na actualidade”.

No acto, que tivo lugar na Casa Consistorial de Mondoñedo, tamén participaron Manuel A. Otero Legide, alcalde do Concello; Elena Candia, vicepresidenta do Parlamento de Galicia; Armando Requeixo, coordinador de Actividades e Publicacións da Casa Museo Álvaro Cunqueiro; Marcos Calveiro, director de Edicións en Galaxia, e Antón Riveiro, autor premiado.

Hotel Carioca, elixida polo xurado de entre medio cento de novelas participantes, destaca, en palabras do xurado, pola “construción literaria do texto que alterna con mestría tempos e espazos, ao tempo que incorpora un fino xogo metaliterario para levarnos da man das vidas dunha saga familiar con personaxes dunha gran fondura psicolóxica e emotiva”.

Ambientada no verán de 1982, a historia ten como protagonista a Helena, unha rapaza de tan só 13 anos que lle le á súa avoa a correspondencia do seu tío favorito, Leandro, que vive no Brasil. Porén, un día chega unha carta que anuncia a morte do tío querido. Sospeitando que pode tratarse dun asasinato, comeza a investigación dun misterio que converte a Helena nunha escritora precoz ao tempo que se van abordando temas tan actuais como a homosexualidade, os coidados, a eutanasia, a emigración, a amizade, a descuberta da sexualidade e, sobre todo, o mundo da creación artística.

Antón Riveiro Coello (Xinzo de Limia, 1964) é un dos nomes destacados da literatura galega dos últimos anos. Articulista, poeta ocasional e escritor de relatos, é autor de novelas tan coñecidas como A quinta de Saler (finalista do Premio de Narrativa Torrente Ballester, 1999), Animalia (Premio Café Dublín, 1999), As rulas de Bakunin (Premio García Barros de Novela, 2000), Laura no deserto (Premio da Crítica Española, 2011) ou O paraíso dos inocentes (Premio Torrente Ballester, 2020), entre outras.

Outros artigos

Xoves 10, chuvascos diminuíndo cara a noite e lixeira baixa térmica

Na xornada do xoves agárdanse intervalos nubrados con chuvascos intermitentes, máis frecuentes no oeste pola mañá e no interior nas horas centrais do día, remitindo cara á noite. As temperaturas sufrirán un lixeiro a moderado descenso. Os ventos soprarán frouxos,...

+

O Concello de Ribeira insta á Xunta a dragar o porto de Santa Uxía

O pasado luns 30 de setembro celebrouse o pleno ordinario da Corporación do Concello de Ribeira onde o concelleiro de Mar, Fernando Abraldes presentou unha proposición cun amplo expediente onde se detallou o precario estado de mantemento e conservación que presentan...

+

Achan cadáver flotando no mar en Rianxo

Esta tarde, ao redor das catro, foi localizado o cadáver dun home flotando no mar, á altura de Punta Abuín, na desembocadura del Río Ulla, na parroquia de Leiro. Aínda que aínda falta a confirmación oficial, sospéitase que podería tratarse de Félix Triñanes Sánchez,...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La hemeroteca y la realidad”. José Castro López

“La hemeroteca y la realidad”. José Castro López

Circula por la red una intervención del presidente del Gobierno en el Parlamento quedebió producirse cuando intentaba acordar la formación de Gobierno con Ciudadanos -las cámaras captaron a Rivera y Girauta en actitud de aprobación a su discurso-, del quereproduzco...

“Palabra de Rei”. Xulio Xiz

“Palabra de Rei”. Xulio Xiz

En foto de hai 48 anos podemos ver ao bispo de Lugo, Ona de Echave, asperxendo a Juan Carlos e Sofía, Reis, na porta norte da Catedral de Lugo, ante a mirada atenta de José Ferro. Eran tempos nos que “palabra de Rei” significaba firmeza nos tratos das...