“Sospechoso habitual: Nas boas e nas malas” – Estevo Silva

26 Outubro 2023

Cando me sento a escribir en moi raras ocasións (rarísimas) falo de fútbol. É como se algo no meu interior considerase que unha das miñas afeccións favoritas non fose merecedora de ser versada nunha columna ou nun artigo; sinto algo así como se misturase chocolate con marisco. Aínda que cando falo de fútbol, refírome ao fútbol popular; o fútbol de vila, o de verdade. Hai moito xa que renunciei ao mercantil fútbol de masas escusando, iso si, ao Depor, que ten no seu martirio perpetuo a miña simpatía. Mais nesta ocasión unha situación sen precedentes obrígame a romper esa norma non escrita: o C.D.Boiro, o meu equipo de sempre, enfróntase por primeira vez na súa historia a un conxunto de primeira división, o Mallorca, en competición oficial, así que falemos un chisco de fútbol popular.

Gústame vivir o fútbol como procuro vivir a vida; con entusiasmo pueril; sendo partícipe del e non limitarme a ollar. Esa é a miña natureza, para ben e normalmente para mal. No ano que se achega, fará trinta outonos que uns amigos e eu comezamos a animar ao Boiro nun Municipal practicamente deserto. Por iso mesmo, o extraordinario feito de que o Municipal de Barraña estea a punto de experimentar algo tan improbable é, para toda a vila de Boiro e para todo o conxunto do boirismo, unha auténtica experiencia que hai que vivir con ledicia desmedida porque probablemente non se volverá a repetir en moito tempo. Mesmo no extremadamente improbable caso de que o Boiro fose quen de pasar esta eliminatoria, a máquina capitalista da Federación non lle permitiría volver a xogar en Barraña. Por iso toda a vila, mesmo os non practicantes, está ao tanto de todo o que acontece arredor deste partido e moita xente participará del. Certo que non é a primeira vez que Boiro vive un episodio de boirismo semellante. Houbo outras grandes datas, coma o partido do ascenso Segunda fronte ao Caudal de Mieres con aquel gol icónico de Borja ou o inesquecible cinco a un fronte ao Burgos, que salvaba esa mesma categoría de Segunda B, e que despois tornouse nun descenso administrativo por impagos que fixo ao clube estar a piques de desaparecer.

Paradóxicamente, o que fai especial ao Boiro é o mesmo que moitas veces o condena; a paixón por este clube ás veces tamén e o seu castigo máis grande. A funesta tempada pasada, quedando terceiros, estivo a piques de ferir de morte á bancada de Barraña por diversos motivos que non vou a remover hoxe aquí, o pasado nunca muda, pero finalmente a fortuna dou a volta á maza e apareceu polo camiño inverso. Este equipo foi quen de sacar adiante dous partidos que ninguén quería e agora estamos nestas, nas boas despois das malas. Con esta copa do rei queda salvada unha débeda que superaba con moito os catrocentos mil euros, que manda carallo. Podemos criticar moitas cousas da directiva vixente que encabeza Marcos Martínez, pero o traballo realizado no económico foi ingrato, constante e exitoso, aínda que tamén hai que agradecer aos acredores que agardaron pacientemente a cobrar; aos patrocinadores, aos socios que seguiron pagando carnés a prezos elevados para a categoría ou a moitos xogadores que perdoaron débedas. Mais as cousas son como son e o Boiro está, por fin, saneado economicamente e vivindo unha segunda xuventude.

Así de complicado e fermoso é ser deste equipo, porén esta eliminatoria revitalizará ao boirismo dun xeito importante. É ben certo que isto é a flor dun día, un merlo branco, pero deixará sementes que farán que os máis vetustos da bancada deixemos paso, case trinta anos despois e por máis necesidade que desexo, aos novos cachorros boiristas que veñen a darnos un relevo máis que merecido.

Forza Boiro, sempre.

Outros artigos

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

+

“Xosé López, un premio Diego Bernal magistral”. Alberto Barciela

Le conocí en sus andanzas en La Voz de Galicia, le seguí en sus avatares en la Facultad de Comunicación de Santiago -en una carrera muy paralela a la de Margarita Ledo o Paco Campos-, colaboré con él de forma breve en sus trabajos para el Consello da Cultura galega,...

+

“El arte y la necesidad de pensar”. José Castro López

Ricardo de la Cierva publicó en los años ochenta el opúsculo titulado Cómo ampliar micultura. ¿Qué puedo hacer?, que escribió con el objetivo de ofrecer una guía prácticapara construir una cultura personal que no consiste solo en adquirir conocimientos, sinoen...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Juan Magán” – Xulio Xiz

“Juan Magán” – Xulio Xiz

Estes días, Merce e máis eu, mergullámonos cada día no multitudinario ambiente festeiro, disfrutamos coa venerable presencia de Celtas Cortos e ousamos asistir ao concerto de Juan Magán. Con relativo coñecemento do actual mundo musical, que navega de Camilo a India,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.