
Nunca vivimos na España democrática posterior ao franquismo unha situación semellante: un presidente do Goberno, elixido pola maioría -exígua, pero maioría- do Congreso dos Deputados formula o que, para min, non é outra cousa que o plebiscito ou refrendo público para continuar a exercer “a alta honra” de continuar á fronte dese Goberno que se está a ver atacado pola “dereita e a ultradereita” non polo que o goberno que preside Pedro Sánchez fai, senón polo que a dona deste significa como base para o propio Sánchez.
Así o manifestou o presidente do Goberno a última hora da tarde de onte nun comunicado feito público após a denuncia presentada contra a súa esposa, Begoña Gómez, no que salienta os ataques sen precedentes contra esta por parte da dereita e ultradereita que lle levan a formular se debe continuar á fronte do Goberno “ou renunciar a esta alta honra”. “Necesito parar e reflexionar”, di Pedro Sánchez, quen pospón ata o luns a comunicación oficial da súa decisión ao respecto. Ata entón, 29 de abril, Sánchez cancela a sua axenda pública.
Verdadeiramente, nunca tal se vira. Nen sequera nos piores momentos desta longa etapa de democracia parlamentaria -dende Adolfo Suárez a Pedro Sánchez- o obxectivo a bater foi a cónxuxe do presidente da nación. Mesmo semellaba días pasados que, Feijoo polo PP e Sánchez polo PSOE, estableceran un pacto de non agresión na sesión de control. Pero a investigación xudicial contra a esposa de Pedro Sánchez colmou o vaso da resistencia: a apertura de dilixencias por un maxistrado de Madrid (sen consultar á Fiscalía) contra Begoña Gómez -baseada a decisión nunha denuncia do pseudo sindicato “Manos Limpias”- por tráfico de influencias foi o desencadeante desta situación que o líder da oposición, Alberto Núñez Feijoo, quixo xustificar sinalando que Sánchez tentaba “victimizarse” dicindo “cousas impropias dun primeiro ministro”.
A pregunta é se o presidente vai continuar ou non exercendo as funcións que, en boa lei, lle corresponden. Nada desto figura, seguramente, no “Manual de resistencia” que o propio Sánchez escribiu (e que non lín). Pero avogo pola continuidade no exercicio dunha presidencia gobernativa que nen Feijoo nen Abascal poden, a día de hoxe, poñer en discusión: os apoios dos deputados da cámara baixa -negados a Feijoo e Abascal pola cidadanía representada no Congreso- son os que o impiden, algo que ningún destes dous líderes políticos queren entender e nos que, ao meu xuizo, debe basearse a decisión que agardo de Pedro Sánchez: continuar, e que tanto o Congreso coma o Senado, se preocupen máis polas cousas que afectan directamente aos cidadáns e polas que todos nós lles pagamos algo máis que o salario mínimo interprofesional.


