O xurado dos Premios da Cultura Galega 2023 reuniuse este luns 16 de outubro en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez.

Ao remate da mesma, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas. Entre as entidades premiadas atópase, polas súas importantes contribucións á cultura e á creatividade galega, tendendo pontes internacionais entre a nosa terra e o máis punteiro panorama artístico mundial, o Museo do Gravado á Estampa Dixital, situado na parroquia de Artes, en Ribeira, e dirixido por Xoán Pastor Rodríguez. Isto polo que se refire á modalidade de Artes Visuais.
Na categoría de Letras resultou galardoada a poeta Yolanda Castaño, en Artes Escénicas o grupo PistaCatro, en Música a Banda de Música Unión de Guláns, en Audiovisual a produtora Portocabo, en Lingua a asociación Ponte… nas Ondas! (responsábel do certame do mesmo nome), en Patrimonio Cultural resultou premiado Eduardo Pardo de Guevara, en e Proxección Exterior os cursos de verán Galego sen Fronteiras.

Do xurado tamén formaron parte o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; a secretaria xeral de igualdade, Sandra Vázquez; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, así como profesionais da cultura de Galicia de recoñecido prestixio como Fina Casalderrey, en representación da Real Academia Galega; Elena Vázquez Cendán, do Consello da Cultura Galega; Ramón Yzquierdo Perrín, da Real Academia Galega de Belas Artes; Esperanza Gigirey, directora do Museo das Peregrinacións e de Santiago; Carla Reyes, presidenta da asociación Executivas de Galicia; Patricia Hermida, presidenta da Asociación Galega de Empresas Musicais, e Estíbaliz Veiga, actriz, presentadora, pedagoga teatral e guionista.
Con estes galardóns, a Xunta de Galicia distingue un ano máis “a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección do panorama cultural da nosa Comunidade, así como o compromiso de proxectos, traxectorias e iniciativas que enriquecen a realidade e identidade cultural de Galicia”.



