
O Concello de Ribeira achegou un resumo do acontecido este 30 de outubro no pleno ordinario da Corporación, que, entre outros acordos importantes, saldouse coa aprobación do regulamento do réxime interno e a ordenanza fiscal do aparcadoiro do Centenario, que pasará a ser unha instalación de xestión pública, atendendo á “demanda histórica de municipalizar o servizo con prezos accesíbeis” segundo explicou a concelleira Genoveva Betanzos, engadindo o edil Suárez Puerta que o estacionamento, que conta con 466 prazas, terá 4 tipos distintos de abono “pensados tanto para persoas que veñen traballar a Ribeira como para as e os ribeirenses que precisan dun espazo onde deixar os seus vehículos”.
Tamén concretaron que durante a primeira hora a tarifa horaria será de 1 céntimo/minuto, e o importe máximo e por dúas horas tan só se aboarán 1,5€ “sendo a tarifa máis barata da bisbarra” segundo confirmou o rexedor, Luís Pérez Barral, que engadiu que o máximo a pagar por día será de 20 euros IVE incluído. No caso de motocicletas e ciclomotores a tarifa será reducida nun 50%, apunto, lembrando que “haberá bonos de 24 horas por 60 euros e de 12 horas por 35 euros aos mes, bonos de luns a venres de 24 horas por 43 euros ao mes, e bonos de sábados e domingos de 24 horas por 25 euros ao mes”.
Por último, de “cara a visitantes e turistas”, achegaranse bonos mensuais de 120 euros, quincenais de 65, e semanais de 40 euros.
Aprobada a contratación do SAF a Attende Care
Doutra banda, aprobouse a contratación do Servizo de Axuda ao Fogar (SAF) de Ribeira á empresa Attende Care S.L, cun orzamento e 1.626.846,96 euros. O propósito deste servizo é o de “mellorar a calidade de vida dos maiores e dependentes favorecendo e potenciando a autonomía persoal no propio domicilio; e manter, mellorar e recuperar as redes de apoio familiar e social”, segundo explicou o concelleiro de Servizos Sociais, Vicente Mariño. Pola súa parte, o alcalde Luís Pérez avanzou que seguirá a traballar “para que a Xunta de Galicia financie correctamente este servizo evitando así a precarizarización do mesmo”.
Sobre o novo polígono

Respondendo ás preguntas da oposición en relación ao proxecto do novo polígono, formuladas xa os días pasados, a concelleira Cruz Rivadulla explicou que durante os 32 anos de goberno do Partido Popular “non foron quen de pór en marcha o polígono, e agora piden celeridade” e recordou que “industria é competencia da Xunta de Galicia, quen leva 14 anos sen desenvolver o macropolígono comarcal que permitiría habilitar un millón de metros cadrados para asentar empresas e xerar emprego”. Pola súa parte, o alcalde Luís Pérez destacou que dende o Concello non se vai bloquear ningún proxecto industrial para Ribeira, tod o o contrario, “avanzarase con paso firme tan pronto se teñan tódolos informes favorábeis para evitar que pase o mesmo que pasou coa gasolineira”.

Por último, dende a Corporación municipal presentáronse dúas emendas que foron aprobadas por unanimidade, instando á Xunta de Galicia a exercer as competencias propias en materia industrial e a colaborar no financiamento do polígono industrial de Ribeira; e tamén a desenvolver a Lei 8/2007 de Policía de Galicia cunha despregadura gradual para que poida asumir as funcións contidas no artigo 15 da citada lei e “desta forma acadar a plena operatividade da policía”. Con respecto a este último asunto, o Executivo local destacou que “xa se deron pasos para contratar a máis axentes da Policía Local, reforzándose o servizo para que haxa máis patrullas e destinar axentes a percorrer as rúas para garantir a seguridade cidadá”.



