Santa Cruz de Lesón (A Pobra) comeza este 8 de setembro as súas Festas do Santísimo

08 Setembro 2023

As celebracións seguen na Pobra do Caramiñal durante o mes de setembro. Sen ir máis lonxe, a parroquia de Santa Cruz de Lesón gozará das súas Festas do Santísimo do día 8 ata o 12. Durante o acto de presentación, a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, reiterou o apoio da Administración local ás comisións que operan no municipio e eloxiou o labor de todas elas por manteren vivas as tradicións e levaren actividades de lecer a cada recuncho. Neste senso, fixo fincapé na importancia de colaborar tamén con aquelas entidades organizadoras que descentralizan os eventos de carácter lúdico do núcleo urbano para levalos ás zonas do rural. “Seguiremos estando a carón de todas elas para todo canto precisen do Concello no desenvolvemento da súa actividade”, afirmou a edil.

Pola súa parte, en representación da comisión de festas de Santa Cruz de Lesón, Javier Pouso explicou que serán cinco xornadas nas cales non faltará a troula para tódolos públicos, ademais da vertente gastronómica e relixiosa. Tamén quixo agradecer a implicación da veciñanza, empresas e Concello.

As actuacións de Kolokón 2.0, Human e cabina móbil con DJ Jalaiko marcarán o inicio da programación na noite do venres 8, ás 22.00 horas.

O sábado 9 comezará con xogos populares, a partir das 17.00 horas. Repartiranse trofeos entre as crianzas que obteñan os primeiros postos en cada unha das probas, ademais de medallas e agasallos entre tódolos/as participantes. Despois, a mexilloada e as empanadas de balde conquistarán os padais. Será das 19.00 horas en diante e estará amenizado por cabina móbil con Moondeejay.

A banda de música de Noia e o grupo de gaitas Xiada farán unha ruada no domingo 10, ás 10.00 horas, e, máis cara ó mediodía, oficiarase a misa solemne na honra do Santísimo de Santa Cruz de Lesón coa procesión, ás 13.00 horas.

Os actos relixiosos continuarán no luns 11 coa misa e procesión na honra de san Roque e rematarán, xunto co programa de actividades, no martes 12 coa misa e a procesión na honra de san Xosé. Ámbalas dúas serán ás 18.00 horas e contarán co acompañamento do grupo de gaitas Xiada.

As sesións musicais, os xogos populares e a degustación realizaranse na pista da escola da Granxa.

Outros artigos

Ribeira homenaxea este martes á actriz Susana Sampedro

Este martes 25 de xuño o Concello, a Corporación e a cidadanía de Ribeira van render homenaxe á actriz local Susana Sampedro (Ribeira, 1978), recentemente distinguida co Premio Mestre Mateo 2024 á mellor actriz de reparto na longametraxe Matria, de Álvaro Gago,...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La Confianza” – José Antonio Constenla

“La Confianza” – José Antonio Constenla

En la actualidad atravesando una crisis de confianza, con mil explicaciones, pero ninguna sencilla ni clara, que dificulta la comprensión del mundo en el que vivimos. Un efecto de estos es que los discursos no sintonizan con la realidad en la que estamos inmersos....