Portosín conmemora este sábado cunha gran festa o centenario da Confraría de Pescadores San Andrés

A AEP (Asociación de Empresarios de Portosín) e a Confraría de Pescadores San Andrés de Portosín van celebrar este sábado 16 de setembro, cunha completa xornada de actividades conmemorativas, o centenario da Confraría.

A celebración tamén servirá para reivindicar e enxalzar a calidade e os beneficios dos produtos pesqueiros e marisqueiros locais e, por suposto, do tecido hostaleiro local.

As actividades comezarán ao mediodía (12h) coa presentación do evento da man de Juan Fuentes (TVG). Proseguirán un algo máis tarde, sobre as 12.15, coa sétima edición do Concurso de Tapas Azul de Portosín. Ás 13.00 horas celebrarase o acto conmemorativo do centenario da Confraría, coa entrega de placas aos patróns maiores (dende a súa constitución) e aos armadores xubilados. Á hora do xantar, ás 14.30 horas, haberá demostracións e degustacións gastronómicas achegadas pola chef compostelá Ofelia Hentschel de MasterChef e André Arzúa.

Pola tarde haberá xogos e inchábeis para a rapazada a partir das 19.00 horas e pola noite, ás 21.30 horas, haberá música da man de Habaneras de Noia, para dar paso á Banda de Balbina.