
O deputado socialista Carlos López Font reclamou hoxe “dilixencia na reversión de terreos portuarios nos concellos que o teñen solicitado”, porque sinalou, “a recuperación destes espazos para o uso público é moi importante”. Font recordou que “se trata de zonas que xa perderon a súa funcionalidade portuaria” e que, pola contra, “forman parte da vida cotiá dos municipios porque se precisan para desenvolver actuacións de interese público”.
O parlamentario do PSdeG reclamou en comisión “que se resolvan os expedientes coa maior rapidez posíbel” e demandou “a colaboración entre todas as administracións implicadas”.
Tamén chamou a atención sobre “como chegamos á situación actual”. Explicou que xa no ano 2021 “existían numerosas peticións” por parte de entidades locais que reclamaban a recuperación de espazos portuarios, mais “durante anos esas solicitudes non se traduciron en resolucións”.
“A responsabilidade de impulsar a tramitación destes expedientes correspondía a Portos de Galicia e á Xunta, pero o certo é que non foi ata 2025 cando o Consello da Xunta aprobou as propostas correspondentes ás dúas primeiras fases, é dicir, transcorreron catro anos”, sinalou.
O deputado do PSdeG pediulle tamén ao Goberno de España “que actúe coa máxima dilixencia” dentro das súas competencias e que facilite a culminación das reversións. E engadiu: “Non podemos aceptar que se esquezan os anos anteriores de tramitación autonómica e que se pretenda situar a responsabilidade na Administración estatal”, precisou.
Por outra banda, Font reclamoulle a Portos de Galicia que clarifique cal é o calendario que manexa para a tramitación da terceira fase do proceso de reversións, que en xuño de 2025 se anunciaba que se abordaría despois do verán daquel ano. “Seguimos coñecendo reunións, propostas e negociacións, pero non temos constancia de que o Consello da Xunta aprobase os expedientes”, apuntou.



