Este 15 de setembro iniciaranse na Pobra do Caramiñal os festexos do Nazareno 2023. O arrinque dos festexos celebrarase oficialmente co pregón, que está programado para as 21.15 horas dende o balcón da Casa Consistorial.
Ao acto asistirán membros da Corporación municipal baixo a presidencia do alcalde, José Carlos Vidal; o xornalista Manuel Gago en calidade de pregoeiro; representantes da comisión de festas; e veciñanza.
O Nazareno porá o broche de ouro á época festiva do verán na Pobra do Caramiñal. Declarada Festa de Interese Turístico Galego no ano 2000, conxugará cultura e relixión cun amplo programa deseñado polo Concello e a comisión para o desfrute de tódolos públicos.

O xornalista Manuel Gago será o encargado do pregón que se ofrecerá como dixemos este venres 15, ás 21.15 horas, dende o balcón da Casa Consistorial. Manuel Gago é un comunicador, escritor, profesor e divulgador da Pobra do Caramiñal. É profesor asociado na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela, impartindo materias relacionadas co Ciberxornalismo. É membro do Grupo de investigación en Novos Medios da USC. Mantén o que se considera o blog en activo máis vello do blogomillo, Capítulo 0. Como divulgador cultural dirixe o portal do Consello da Cultura Galega culturagalega.org. Foi comisario da exposición Ao pé do lar (Museo do Pobo Galego, 2010), promovida para o Fórum Gastronómico en Santiago. É o autor dun feixe de novelas de éxito (tanto de lectores como de crítica especializada), entre as que se atopan Vento e Chuvia (Xerais), O anxo negro (Xerais), O exército do fume (Xerais), O sangue dos pantasmas (Libraría Couceiro) ou Nus (Xerais).
O programa
Na mañá da xornada do venres, farán a entrada na vila o grupo de gaitas Xiada e a banda de música municipal de Redondela. De feito, esta última brindará dous concertos nos Xardíns de Valle-Inclán: o primeiro será ás 13.00 horas, mentres que o segundo está previsto para as 20.00 horas. Xa pola noite, a troula virá da man de Disco Móvil Chocolate e DJ Tito Maverick, ás 23.00 horas, na praza Alcalde Segundo Durán.
O sábado 16 será un día para desfrutar da música. Dende ben cedo haberá ruada a cargo da Banda de Música Cultural de Salceda de Caselas, a banda de gaitas de San Xoán de Paramos, o grupo de gaitas Xiada e O Son do Pote, que tamén farán unha despedida dende o consistorio ata O Castelo na última hora da tarde. A quenda dos concertos chegará polo medio da mañá e, pola tarde, nos Xardíns de Valle-Inclán coa banda de gaitas de San Xoán de Paramos e a Banda de Música Cultural de Salceda de Caselas. E a noite estará amenizada polo X Encontro de Música e Baile Tradicional e a actuación da orquestra Verano Azul, na praza Alcalde Segundo Durán. A maiores, as rúas encheranse de cor dende A Covecha, coa Festa Holi Pobra, ás 17.30 horas, e coa posterior Festa da Escuma.
O evento máis agardado terá lugar no terceiro domingo de mes, día 17. A procesión votiva das mortallas sairá, ás 10.30 horas, da igrexa de Santiago do Deán, acompañada dunha multitude de fieis e coa participación, por agora, de arredor de cinco cadaleitos. Logo de rematada a comitiva, oficiarase a misa cantada no dito templo relixioso. Nesa mesma xornada tamén haberá oco para a música coa entrada na localidade da Banda de Música Ateneo Musical da Pobra, a banda de gaitas Buxaina, o grupo de danzas Virgen del Carrascal, o grupo de gaitas Xiada e O Son do Pote. Desenvolveranse tamén concertos e ruada, mentres que a gran verbena estará protagonizada polas orquestras Ritmo Joven e Galilea, na praza Alcalde Segundo Durán.
O derradeiro día de festexos contará coas ruadas da banda de música municipal de Redondela, a banda de gaitas Os Chaneiros, o grupo de gaitas Xiada e O Son do Pote. Ademais, estas agrupacións levarán a súa melodía nesta data co formato de concertos en distintos espazos do centro. A orquestra El Combo Dominicano, na praza Alcalde Segundo Durán, e o grande espectáculo de fogos artificiais e acuáticos dende o paseo dos Areos servirán de colofón.




