Arrincan as Festas do Nazareno (A Pobra) da man do historiador, escritor e divulgador local Manuel Gago

15 Setembro 2023

A Pobra do Caramiñal despídese da época estival co Nazareno, declarada Festa de Interese Turístico Galego no ano 2000. A entrada na vila da Banda de Música Municipal de Redondela e o Grupo de Gaitas Xiada e o pregón marcaron o inicio destas celebracións que se estenderán do 15 ao 18 de setembro.

Durante o acto inaugural que tivo lugar dende o balcón da Casa Consistorial na tarde deste venres 15, o alcalde José Carlos Vidal fixo mención ao evidente carácter relixioso destes festexos, pero tamén á importancia dos mesmos dende o punto de vista cultural e histórico.

Precisamente, co obxectivo de seguir afondando neste aspecto, elixiuse ao xornalista Manuel Gago como pregoeiro. O rexedor enxalzou toda a súa traxectoria no mundo da comunicación, pero tamén como divulgador. De feito, este veciño é un dos impulsores das xornadas A Pobra do Caramiñal no Tempo que permiten escrutar o o pasado da localidade. Non quixo rematar a súa intervención sen antes agradecer o traballo da comisión de festas alí representada na figura do seu presidente, José García.

No seu discurso, o pregoeiro referiuse á importancia do Nazareno tamén a nivel persoal. Rememorou a súa infancia escoitando no terceiro domingo do mes de setembro o repique das campás e as alboradas dende a súa casa na contorna do Castelo. Aludiu, ademais, a un dos sinónimos destas datas: a devoción. A expresión “ofrecerse ao Nazareno” que tanto abonda ante unha enfermidade ou unha fonda preocupación. “Se A Pobra fose unha prenda de roupa, ese día, a vila estaría da volta”, apuntou, pois a procesión permite entrever a esperanza de quen asiste á mesma. E, como non podía ser doutro xeito, tamén houbo oco para coñecer máis sobre esta tradición: houbo tempo para a lenda, para o mito, pero tamén para os datos contrastados, algúns dos cales remiten a orixe da procesión das mortallas á época da Revolta Irmandiña e sostén que o culto ao Nazareno se lle incorporou séculos máis tarde.

A súa rúbrica quedou plasmada no libro de honra do Concello.

O ambiente festivo proseguiu durante a noite da man de Disco Móvil Chocolate e DJ Tito Maverick.

Numerosas sesións musicais, a Festa Holi Pobra, a Festa da Escuma, o X Encontro de Música e Baile Tradicional e o grande espectáculo de fogos artificiais e acuáticos dende o paseo dos Areos son algúns dos pratos fortes culturais desta axenda, mentres que a dimensión relixiosa estará protagonizada pola procesión votiva das mortallas no domingo 17, con saída dende a igrexa de Santiago do Deán, ás 10.30 horas.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Ti, morena, quen es?”. Luís Celeiro

“Ti, morena, quen es?”. Luís Celeiro

Son eu, señor capitán deste navío mercante! Eu son unha muller de mundo, ando polo mundo senrumbo e sen sosego. Estou embarcada neste buque e quero saber para onde imos, cantos e cantassomos, como viviremos o que nos queda de mar e quen seremos ao regresar á terra, se...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.