
María Sampedro Fernández, voceira do grupo municipal do Partido Popular na Corporación de Ribeira, mantivo unha entrevista co director xeral de Xustiza da Xunta de Galicia, José Tronchoni Albert, coa fin de retomar unha cuestión pendente como é a retirada dos vehículos abandonados que dende fai anos están depositados ao aire libre no entorno do casco urbano e do parque de San Roque, preto dos Xulgados
A este respecto, o Executivo encabezado por Manuel Ruiz solicitara e lograra, a pouco do cambio de goberno, o visto bo dos Xulgados de Ribeira para poder retirar eses vehículos da súa actual ubicación. Coa entrada do novo curso xudicial, a voceira popular retomou esta cuestión solicitando ao departamento competente como é a Dirección Xeral de Xustiza da Xunta que proceda á facela efectiva coa maior antelación posible.
María Sampedro explicou que con anterioridade o Concello tentara en varias ocasións e por diversas canles que se puidesen retirar eses vehículos ata que as xestións deron froitos a finais da primavera pasada.
“Isto redundará en beneficio dos ribeirenses e do seu patrimonio natural erradicando un foco de insalubridade ademais de antiestético nun lugar próximo ao noso pulmón verde”, subliñou a edil do Partido Popular, quen expresou a súa confianza en que tal retirada se faga nun curto espazo de tempo.



