A coordinadora galega CEMMA compartiu os detalles dunha interesante investigación sobre os cetáceos que visitaron as nosas e que foron empregadas, no seu tempo, como recursos enerxéticos, téxtiles ou alimenticios dos nosos asentamentos costeiros. Especies como por exemplo as baleas vascas, cincentas e comúns, así como tamén o xibarte, algunhas delas xa desaparecidas por mor da actividade humana.
O estudo en cuestión no que colaborou a CEMMA consiste no maior maior estudo de zooarqueoloxía de baleas en Europa, no que se estudaron 719 mostras procedentes de 12 países e que conclúe “que a actividade baleeira causou a extinción de dúas especies no Atlántico europeo: a balea franca do Atlántico norte e a balea cincenta”.
No estudo coordinado por Youri van den Hurk, investigador das Universidades de Trondheim e Groningen, analizáronse mostras dende o ano 3.500 a.C. ata o século XVIII, obténdose a identificación de 623 delas, asumindo que algúns exemplares foron cazados e outros puideron ser aproveitamentos de cadáveres varados. Concretamente a investigación apunta que “con moita diferenza as dúas especies máis frecuentes foron a balea vasca ou franca (46,5%) e a balea cincenta (15,3%), ambas con rexistros dende España ata Noruega”. O estudo salienta que hai outras especies que foron cazadas durante o século XX e que aínda hoxe en día manteñen a súa presenza nesta área de estudo estivesen presentes en moita menor medida nos resultados obtidos de mostras antigas, como por exemplo a balea común (5,1%), a xibarte (4,7%), ou a azul (1,7%).
“Estes cambios entre as súa frecuencia pasada e a actual”, sinálase “permiten pensar en que as especies agora desaparecidas foron no seu día as máis utilizadas, probablemente polos seus hábitos costeiros que as fixeron máis susceptíbeis de ser cazadas por pobos do norte de España, normandos, flamencos, frisóns, anglosaxóns e escandinavos”.
A coordinadora galega lembra pola súa banda que “se ben influencia da caza na poboación de baleas francas xa se coñecía, a súa influencia directa sobre a poboación de balea cincenta descoñecíase ata agora, xa que se pensaba que dado o reducido número de exemplares atopados antes de este estudo a poboación no Atlántico era moi pequena e inviable independentemente da acción humana”.
Aínda que a caza medieval xa era coñecida e está ben documentada en distintos países de Europa, neste traballo destácase que a cultura Vlaardingen do delta do río Rin, coñecida pola súa explotación de recursos mariños, levaba a cabo a caza de baleas cincentas ademais de aproveitar as varadas, dada a moi alta proporción de baleas cincentas rexistradas alí, entre os anos 3.500 e 2.500 a.C. Este caso de probábel caza activa de baleas no Neolítico sería un descubrimento sen precedentes en toda Europa.
No relativo ás mostras de Galicia, analizáronse 68 procedentes de distintos puntos, ás que CEMMA contribuiu con 15 que foron recollidas gracias a un proxecto de investigación financiado polo GAC-7 Ría de Vigo-A Guarda. De 18 delas non foi posíbel conseguir unha identificación. Das restantes, 39 eran baleas francas, 3 eran baleas de identificación dubidosa, 4 foron xibartes, 2 azuis, 1 cincenta e 1 resultou ser un delfínido.
As mostras de baleas francas proviñan do castro de A Lanzada (as máis antigas do s. II a.C.), a Atalaia de San Cibrao, castro de Alobre, praia de Cubelas e o porto de Bares (as máis modernas, entre o s. XIII e o s. XVIII).
Do castro de A Lanzada (Sanxenxo) tamén se recolleron mostras de unha xibarte do s. I ou s. II a.C., e o delfínido dos s. II a s. IV. En San Cibrao (Cervo) recolléronse as mostras da balea cincenta, datada entre o s. I e o s. V, de unha azul, datada na mesma época, e de tres xibartes, dúas delas da mesma época e outra medieval. A outra azul apareceu no s. XV – XVI en Pontevedra.
O artigo científico orixinal é:
Van den Hurk et al. 2023. The prelude to industrial whaling: identifying the targets of ancient European whaling using zooarchaeology and collagen mass-peptide fingerprinting. Royal Society Open Science.