
A deputada do BNG, Rosana Pérez, presentou perante o Parlamento galego a situación de colapso dos Tribunais de Instancia de Ribeira, ante a crecente carga de traballo que están a asumir e que se viu especialmente agravada pola tramitación de causas de enorme complexidade.
A iniciativa, presentada polo Bloque Nacionalista Galego, reclama á Xunta un reforzo inmediato de persoal e medios para garantir o funcionamento dos órganos xudiciais da comarca. As chamadas macrocausas, relacionadas frecuentemente con investigacións por tráfico de drogas e branqueo de capitais, esixen unha importante dedicación por parte dos xulgados. Trátase de procedementos con numerosos investigados, múltiples pezas separadas, grandes volumes de documentación e dilixencias que poden prolongarse durante meses. O propio texto da iniciativa sinala expresamente aos Tribunais de Instancia de: Ribeira, Muros, Cambados e Vilagarcía, como órganos especialmente afectados por esta situación. “Ribeira non pode afrontar este volume de traballo cos mesmos medios cos que xa tiña que atender a súa actividade ordinaria”, sinala Rosana Pérez. A deputada do BNG advirte de que o problema non se limita ás macrocausas, senón que se suma a unha situación de saturación estrutural denunciada polo propio persoal e polos profesionais: baixas que tardan meses en cubrirse, aumento das demandas civís, rotación de persoal interino sen formación previa e dificultades derivadas da implantación dos Tribunais de Instancia. Desde o BNG alertan de que o resultado desta falta de medios é unha demora dos procedementos e o adiamento de vistas e execucións, unha situación que termina afectando directamente ás persoas que precisan unha resposta da Administración de Xustiza. O BNG reclama á Xunta que actúe de inmediato e non agarde a que o problema aumente.
A dita iniciativa presentada no Parlamento pide elaborar con carácter urxente un diagnóstico das necesidades dos tribunais que tramitan causas de especial complexidade, pero tamén dotar xa estes órganos de persoal suficiente e especializado, garantir a cobertura áxil das baixas e vacantes e axeitar os cadros de persoal de maneira estábel. Asemade, dende o BNG tamén reclaman que a Xunta demande ao Goberno do Estado o reforzo das prazas de xuíces e xuízas, letrados e letradas da Administración de Xustiza e fiscais nos órganos afectados.



