
Boiro estreará Campionato de Remo Indoor Intercentros nos tres institutos do municipio. Detrás desta primeira edición atopamos ao Club de Remo Cabo de Cruz, coa colaboración do Concello de Boiro e Jealsa. O concelleiro de Deportes, Marcos Fajardo, participou na presentación xunto con Gustavo Vázquez, do Club de Remo Cabo de Cruz; Margarita Hermo, directora de Relacións Institucionais de Jealsa; Manuel Pimentel, Pilar Barros e Xavier Figueira, mestres de Educación Física dos tres institutos boirenses.
Esta actividade ten como finalidade promover o deporte do remo e tamén realizar captación de deportistas. “Dende o Club de Remo traballamos cos institutos en distintas actividades e este ano sumamos esta modalidade do remo indoor para integrar esta unidade didáctica na programación”, afirmou Gustavo.
Participan nesta actividade máis de 160 alumnos e alumnas de 1º da ESO do IES A Cachada, IES Praia Barraña e IES Espiñeira. Por parte do profesorado recoñeceron que “é unha actividade que funciona ben e está a gustar ao alumnado”.
O dito Campionato de Remo Indoor Intercentros xorde co obxectivo de promover este deporte entre os alumnos e alumnas e cómpre informar que terá lugar este venres 2 de setembro de 11 a 13.30 horas no pavillón da Cachada. “Dende Jealsa entendemos que o deporte conecta a persoas e axuda a transmitir valores polo que apoiamos este proxecto de achegar o remo aos institutos”, recoñeceu Margarita Hermo. Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Marcos Fajardo, felicitou ao Club de Remo e aos institutos por esta iniciativa “e por dar a coñecer entre o alumnado un deporte como o remo indoor que está en auxe”.



