Galicia vivirá este mércores 30, San Xerome e San Gregorio, un día de transición meteorolóxica cara ás altas presións, que comezarán a asentarse na comunidade a partir do xoves. Con todo, a persistencia do vento de compoñente marítimo marcará a evolución do tempo durante as vindeiras horas.
Ao longo do día agárdase unha alternancia de nubes e claros en todo o territorio. Conforme avance a xornada aumentará a inestabilidade, con chuvascos que serán máis probables e intensos durante a tarde, especialmente nas comarcas das provincias atlánticas.
No tocante aos termómetros, rexistrarase un descenso térmico entre lixeiro e moderado xeralizado(máximas de 20 a 22 graos). O vento soprará de compoñente oeste-suroeste, con carácter frouxo no interior e intervalos moderados na franxa costeira.

O noso mar; Vento do sudoeste á mañá, do oeste á tarde e do norte á noite, forza 3 a 4 á mañá e á tarde e 2 a 3 á noite. Marusía á mañá e á tarde e mar ovellado á noite. Visibilidade boa. Mar de fondo do oeste, con ondas de 2 a 3 metros á mañá, 2.5 a 3.5 metros á tarde e 3 a 3.5 metros á noite.



