Este venres 8 de setembro inaugurouse na Pobra mostra a exposición Tempos de vela, impulsada por José Ramiro Villoch Herrera, médico de profesión e apaixonado da historia local da vila e o concello, recentemente falecido. A mostra é froito do seu profundo traballo de documentación e investigación que derivou xa en varias mostras na Casa Cultura da Pobra (tres, contando co actual) e nun libro (Tempos de vela, A imaxe dos veleiros galegos no século XIX) que analizaba distintas casas fomentadoras e navieiras, armadores e barcos e como repercutiron na transformación industrial.

Polo tanto, as paredes da Casa da Cultura Raquel Fernández Soler locen por terceira vez esta escolma de imaxes que amosan ao público ata finais do mes de setembro algúns dos buques de propulsión a vela máis relevantes do pasado naval da zona, xunto con cadansúa recensión.
Co acompañamento musical de Esperanza Mara, as persoas asistentes á inauguración efectuada na tarde deste 8 de setembro puideron contemplar as aproximadamente cincuenta pezas que conforman a exhibición.
Durante a súa intervención, a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, explicou que esta exposición abre as súas portas ao público nunha terceira ocasión como unha nova homenaxe ao médico e escritor falecido a principios de ano.

O dito acto complementa a presentación de Tiempos de Salazón y Conserva en A Pobra do Caramiñal, obra póstuma de Villoch, realizada no pasado mes de agosto. A edil quixo tamén incidir no compromiso do facultativo co ámbito cultural e destacou o seu arduo labor de análise da historia mariñeira local.
Pola súa parte, Victoria Villoch, filla do homenaxeado, puxo na súa voz as palabras de seu pai pronunciadas durante o discurso da primeira apertura da mostra, para que así, nesta ocasión, el estivese presente dalgunha maneira.
O alcalde, José Carlos Vidal, deu lectura a un extracto do libro Tempos de vela, concretamente o que fai referencia ao barco María Asumpta, para exemplificar a paixón e esforzo de Villoch por transmitir a memoria e identidade do pobo; implicación que quixo agradecer e enxalzar.
A sala permanece aberta de luns a venres, en horario de 10.30 a 13.30 e de 17.00 a 20.00 horas.




