Stop Deshaucios Barbanza reclama a colaboración activa da Fiscalía Superior de Xustiza para impedir máis desaloxos

A Plataforma Stop Deshucios Barbanza compartiu un comunicado dirixido á Fiscalía Superior de Xustiza de Galicia no que reflicte a máxima preocupación que lle suscitan os incontábeis de casos de desaloxos que se teñen perpetrando na comarca e na xeografía galega por falta de pagamentos de hipotecas ou alugueiros, despexes que se seguen a levar a cabo, neste 2023, malia a existencia constatada de múltiples alternativas potenciais para garantir que as familias en risco que se viven na rúa puidesen seguir tendo un fogar de seu (por exemplo os milleiros de inmóbeis baleiros que se construíron no escenario da burbulla inmobiliaria).

Segundo lembra a plataforma no comunicado, “como plataforma veciñal que nos enfrontamos desde hai algo máis de catorce anos a innumerábeis casos desaloxos, por falta de pagamentos de hipotecas ou alugueiros, continuamos observando como se continúan producindo desafiuzamentos de familias humildes en diferentes concellos da comarca do Barbanza e de Galicia en xeral, como consecuencia de falta de pagamentos de alugueiros por falta de recursos económicos, e en todo caso por débedas de boa fe”. Por iso, engaden, “é que desexamos trasladar a esa Fiscalía a nosa preocupación pola necesidade de que haxa unha maior coordinación, relación e diálogo entre os diferentes xulgados de 1ª instancia e instrución de Galicia, a FEGAMP e os responsábeis da Consellería de Vivenda, Xustiza e a Presidencia da Xunta de Galicia para enfrontárense aos numerosos casos de desaloxos sen que se lles ofrezan unha garantía de alternativa habitacional en caso de necesidade”

E apuntan: “Somos conscientes de que todo é cuestión de vontade e poder dar cumprimento real ao convenio de colaboración suscrito o 8 de abril do 2.013, por tempo indefinido, entre o Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ), a Xunta de Galicia e a propia Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), sobre a detección de supostos de vulnerabilidade con ocasión do lanzamento de vivenda familiar e medidas de carácter social e que en moitas ocasións, como dicimos, queda en papel mollado”.

Polas devanditas razóns, a plataforma insta á mediación da Fiscalía ante as ditas tres institucións (Xulgados, Xunta e FEGAMP) ao obxecto de que “cumpran co acordado e coa lexislación vixente para evitar que sigan quedando na rúa familias humildes por falta da toma de decisións pertinentes”.