Ao fío do anuncio do goberno tripartito de elaborar un “estudo técnico indepente que avalíe as
alternativas ao trazado proposto pola Xunta de Galicia” e, máis concretamente, “facer a circunvalación mellorando a estrada de Xarás a Frións”, o Partido Popular de Ribeira desexa facer as seguintes
consideracións:
Quere insistir unha vez máis en que a mellora da estrada provincial de Frións é benvida, pero que non servirá para satisfacer a finalidade con que a Xunta de Galicia proxectou a obra da variante, que non é outro que dotar de novas vías de entrada e saída á cidade máis aló da avenida de Ferrol e a estreita rúa Lepanto, coa fin de solucionar os problemas de tráfico de Santa Uxía, especialmente para aqueles que se queiran dirixir ao entorno do Concello, Casas Baratas, avenida Miguel Rodríguez Bautista, etcétera.
Unha vez máis, o executivo encabezado polo BNG obvia que a estrada de Frións é competencia da Deputación da Coruña, onde a formación nacionalista leva cogobernando dende o ano 2015 xunto co PSOE, e que nestes 8 anos nin uns nin outros fixeron absolutamente nada para impulsar esa tan necesaria obra de mellora e suavizado das curvas.
A estrada de Frións e a variante da Xunta son obras complementarias, e a primeira beneficiará en todo caso á veciñanza de parroquias como Carreira e Aguiño, que desfrutaría dunha vía máis segura pola que transitar.
Segundo os Populares chama atención que no propio comunicado emitido polo Concello de Ribeira xa se adianten as conclusións do presunto “estudo comparativo independente”, ao afirmar que “o proxecto da Xunta de Galicia provocaría problemas de tráfico no entorno de tres centros educativos e suporía un maior custo económico, xa que inclúe unha nova estrada e algún viaduto” e que “esta alternativa implica un menor impacto ambiental; menor impacto social, xa que non afecta a núcleos habitados”.
O goberno tripartito parece esquecer nas súas precipitadas conclusións que esgrimir como alternativa entrar dende Frións ao casco urbano, e a falla do que ditamine o estudo, podería afectar a centros educativos como o colexio plurilingüe de Frións, o colexio Bayón e a Gardería Municipal. Cuestionamos ademais que vehículos de gran tamaño poidan circular por este acceso en condicións de seguridade, dada a elevada pendente.
Por contra, o Variante da Xunta xa está en tramitación, conta con todos os informes favorables e xa se realizou a expropiación dos terreos necesarios e ten a financiación necesaria. De feito, está en execución un tramo que se enmarca dentro da súa terceira fase, no entorno de Fafián.
A propia Asociación de Empresarios de Ribeira vén de solicitar que non se paralizase a variante.
O PP de G de Ribeira recorda ademáis que este vial era unha intervención prevista dentro do Plan Urbanístico de Ribeira, aprobado por todos os grupos da Corporación no ano 2002, e vai permitir o crecemento da cidade a través do desenvolvemento do plan parcial de Abesadas B.




