O BNG pide a Mar medidas para combater a escaseza de polbo en augas galegas

25 Agosto 2023

A deputada do BNG Rosana Pérez vén de presentar no Parlamento galego unha serie de iniciativas para reclamar á Consellería do Mar a adopción de medidas que eviten a escaseza de polbo en augas galegas, logo de terse corroborado de novo a caída de capturas na campaña actual. “É moita hora de establecer medidas que eviten que o polbo se converta noutra especie sometida a fortes restricións de capturas e que o sector se teña que refuxiar noutras artes e especies”, advertiu a deputada da Pobra do Caramiñal.

Rosana Pérez criticou que “máis aló da ampliación do período de veda reclamada polo sector tras os nefastos resultados e as enormes perdas económicas da campaña do polbo de 2020-21, cando o polbo practicamente desapareceu das augas galegas, non se coñecen outras medidas para evitar a escaseza desta especie e contribuír a unha explotación da mesma máis sustentábel. Tanto é así que no Plan Experimental para a xestión do polbo 2023-24, que se iniciou o pasado 19 de maio, increméntanse as cotas máximas de captura”, expuxo a deputada do Bloque, que subliñou que “no que vai de campaña moi poucos profesionais puideron acadar o tope establecido”.

A situación de escaseza, engade, está levando a que un número importante de profesionais abandonen esta pesquería e, do mesmo xeito, está provocando que os comercializadores teñan que acudir cada vez máis á importación doutros países.

Segundo os datos de Pesca de Galicia, expón o Bloque nas súas iniciativas, as vendas en lonxa caeron un 60 % nas últimas semanas respecto ao pasado ano.

Nas súas iniciativas, o Bloque empraza ao Goberno galego en primeiro lugar a levar a cabo os estudos necesarios para determinar as causas da escaseza de polbo nas augas galegas. E, de acordo co sector,” a revisar as condicións a establecer no plan experimental no que se refire, por exemplo, a número de nasas, cotas máximas de captura, período de veda e control ou medidas contra o furtivismo”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Para vivir ben, Galicia!”. Luís Celeiro

“Para vivir ben, Galicia!”. Luís Celeiro

A morte, se pensas nela, se recordas ao amigo no cadaleito camiño cara ao máis alá ou seves ao teu pai deitado caladamente nun féretro de madeira nobre, diante dunha multitudede xente chorando, a morte -dicimos- fai estremecer a alma dos vivos, fai que se apague aluz...