Valentín González Formoso, reelixido presidente da Deputación da Coruña

18 Xullo 2023

Valentín González Formoso (PSdeG-PSOE) foi reelixido este martes 18 de xullo, en acto institucional, presidente da Deputación da Coruña. Fíxoo cos votos favorábeis de 17 dos 31 deputados da Corporación fronte aos catorce obtidos polo candidato do Partido Popular, Evaristo Ben, no pleno extraordinario de constitución da nova Corporación provincial.

Trátase da primeira vez na historia da institución que un presidente encara un terceiro mandato consecutivo, un feito que Formoso asumiu “cun inmenso sentimento de gratitude e, sobre todo de responsabilidade: a de seguir construíndo xuntos unha provincia da que nos sintamos orgullosos”.

No seu discurso de investidura, Formoso lembrou que “promover a prosperidade na provincia era o mandato que a Constitución de 1812 atribuía ás deputacións e sinalou que “esta idea foi a que vertebrou a nosa acción de goberno nos últimos oito anos. Un deber e un compromiso que manteño e renovo hoxe aquí, ante a nova corporación que acabamos de constituír, con responsabilidade, gratitude e ilusión”, afirmou.

O presidente reivindicou “a mellor política”, baseada no respecto e o diálogo, “fronte á confrontación permanente, os vetos e as posicións dogmáticas” e anunciou que  “traballaremos pola Coruña do futuro, unha Coruña industrial e rural, cohesionada social e territorialmente, unha Coruña dixital e innovadora. Unha Coruña para vivir e para vivila”, afirmou.

Ao longo da súa intervención, o presidente repasou algúns dos logros dos seus oito anos á fronte do Goberno provincial, que contribuíron a facer unha Deputación “maís moderna, máis eficaz e máis útil” e trazou a folla de ruta para o vindeiro mandato nunha provincia que é “o motor económico e social de Galicia”.

En termos máis concretos, destacou programas coma o Plan Único (“un exemplo de cogobernanza cos concellos e de colaboración institucional”, que permite que os municipios coruñeses “reciban da Deputación entre catro e cinco veces máis fondos que antes” e que supuxo “máis de 500 millóns de investimento e máis de 3.000 obras nos 93 concellos coruñeses”) ou o Plan de Emprego Local (que segundo lembrou “favoreceu a creación de 5.376 empregos, apoio a máis de 4.500 empresas da provincia e a creación de 12 espazos de coworking para 200 pemes da provincia, ademais de 20 millóns de euros en axudas extraordinarias a sectores produtivos coma pescadores, agricultores,transportistas e autónomos en xeral durante a crise da COVID e a guerra de Ucraína”).

Tamén reivindicou o impulso ás políticas sociais dos últimos anos (“que permitiron”, dixo, “duplicar as horas de servizo de Axuda no Fogar que financia a Deputación, superando as 40.0000 horas anuais, incrementar ata 3.200 o número de usuarias e usarios da Teleasistencia e dar apoio continuado a máis de 600 entidades sociais da provincia”.

Entre os principais obxectivos para o mandato que comeza, Formoso destacou “vencer o reto poboacional e demográfico” e “axudar a voltear a pirámide poboacional en Galicia desde A Coruña”.

“Queremos ver abrir escolas infantís e comedores escolares, queremos escoitar os berros e as risas dos nenos nos parques, queremos empresas que levanten a persiana cada mañá…queremos pobos con xente e concellos con vida”, afirmou o presidente, que anunciou que o seu goberno seguirá avanzando na “descentralización da administración para devolver protagonismo ao rural” e citou como exemplos a implantación, no último ano, da oficina  provincial de xestión de fondos europeos Next Deputación na Capela (1.100 habitantes) ou do centro Acelera Pyme en Ponteceso (5.500 habitantes), destinada a impulsar a dixitalización das pemes de toda a provincia. “De non existir esta sensibilidade co rural estarían ubicadas nos centros de calquera cidade”, afirmou Formoso.

Residencia pública comarcal en Rianxo

Outro dos proxectos anunciados por Formoso para desenvolver no mandato que comezou este 18 de xullo e é  “o novo programa de residencias públicas comarcais, que busca garantir a proximidade aos fogares dos maiores, evitando o desarraigo, un proxecto para o que nos gustaría colaborar coa Xunta de Galicia”. A Deputación xa está redactando os proxectos dos tres primeiros centros, que terán o seu emprazamento nos concellos das Pontes, Rianxo e Ordes e que, ademáis de mellorar o benestar dos maiores e atender a necesidade de prazas residenciais, prevé xerar 188 empregos.

Formoso anunciou tamén que “seguirán sendo prioritarias” as políticas de mobilidade sustentábel, que fomentan o turismo e a vertebración do rural. O presidente detallou que no último mandato, a Deputación construíu 130 novos quilómetros de sendas ciclábeis con proxectos como a Senda ZEC da Reserva da Biosfera das Mariñas ou a Vía Verde Tambre-Lengüelle, a maior Vía Verde de Galicia, que xa conta con 26 quilómetros construídos e que neste mandato chegará a 26 km coa conexión de Santiago de Compostela.  Formoso trazouse o obxectivo de que, en poucos anos, “un ciclista non teña que saír dunha senda da rede da Deputación para percorrer a distancia que separa A Coruña de Santiago de Compostela”, afirmou.

Revolución de oportunidades para o sector audiovisual

Outro dos proxectos estratéxicos anunciados por Formoso é a construción e posta en marcha do CEI (Coruña Estudo Inmersivo), o maior estudo audiovisual virtual de España, que estará na Cidade das TIC e que contará cun investimento de 8 millóns de euros, co-financiado co Plan de Recuperación do Goberno de España e fondos propios da Deputación da Coruña. “Non deixaremos de reforzar o noso compromiso industrial e dixital. O CEI suporá unha revolución de oportunidades e un posicionamento estratéxico da provincia e de Galicia dentro do sector audiovisual a nivel estatal”, remarcou Formoso.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

Nunha mañá fría de xaneiro de 1936, ao pé do lume da lareira da Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), Álvaro das Casas, escritor e dinamizador cultural do galeguismo, reuniu un grupo de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da Unión de Colleiteiros...

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

LA SOCIEDAD DESLUMBRADA Es más que probable que estemos viviendo deslumbrados, ciegos de tanta luz y de tanta pantalla, concibiendo ilusiones y expectativas vanas, ofuscados, enceguecidos. Creo que la palabra que todo lo puede sintetizar, al menos lo que quiero...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.