A Biblioteca da Deputación da Coruña e Turismo da Deputación da Coruña convocan unha nova edición de Hoxe escribo en..., o concurso de relatos relacionados co noso concello preferido da provincia, tanto para ambientar as nosas historias tematicamente como para converterse no escenario ideal para escribilas. O obxectivo é fomentar o talento creativo das escritoras e escritores cun conto que sirva tamén para “fortalecer o patrimonio do municipio que escollan e que faga referencia á historia local, a unha lenda, a unha tradición, a un persoeiro ou á riqueza natural, cultural ou medioambiental da aldea, vila ou cidade da Coruña que máis sirvan de inspiración ás persoas concursantes”. Poderán elixir, nada máis e nada menos, entre os 93 concellos que conforman a provincia.
-Forma: textos inéditos de entre 500 e 2000 palabras.
-Premios: estadías en establecementos rurais da provincia e lotes de produtos.
-Prazo: ata o 31 AGOSTO

En palabras da organización, “93 concellos da provincia dan para moito escribir, e por iso lanzamos unha nova edición do concurso #HoxeEscriboEn no que a Biblioteca Provincial e Turismo da Deputación da Coruña nos unimos para animarvos a escribir sobre os vosos lugares dentro da provincia da Coruña”.
O obxecto concreto do concurso é “fomentar o talento creativo, a animación á escritura e á lectura e a difusión do patrimonio cultural e turístico dos concellos da provincia da Coruña; sensibilizar sobre o patrimonio cultural, natural e medioambiental de cada un e a importancia de preservalo”.
Poderán participar todas as persoas físicas, maiores de idade, usuarias ou non da Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña, de xeito libre.
Os relatos presentados ambientaranse ou referiranse a un concello da provincia da Coruña, non será necesario que o autor ou autora viva nel, e deberán estar relacionados con algún destes temas: a historia local, lendas propias, tradicións do pobo, persoeiros destacados, os valores positivos do concello, a riqueza natural, cultural ou medioambiental do concello, ou calquera outro aspecto que axude a resaltar o patrimonio do municipio.
Deberán estar escritos en galego ou castelán, ser inéditos e non se presentaren en ningún outro concurso.
O texto terá unha extensión entre 500 e 2000 palabras, escritos a dobre espazo con letra Times New Roman, en corpo 12. Presentarase como un arquivo de texto en formato .doc, .docx ou .odt.
A presentación dos relatos deberá ser a través do formulario habilitado na web da Biblioteca da Deputación da Coruña.



