
Formei parte dunha familia numerosa de catro fillos (dos que quedamos dous irmáns).
Sei que tal condición familiar outorgaba durante o franquismo algunha vantaxe de tipo social e económica, pero se non dabas chegado a fin de mes, tiñas que apañarte como poideras en aspectos como a comida, o vestido, os estudos dos fillos, etc. E hoxe lembrei tal feito ao ler que o goberno autonómico de Andalucía -conformado este polo PP de Juanma Moreno co apoio de Vox- entregou á familia granadina Cuevas Benítez unha distinción que, ao igual que pasaba co franquismo, recoñecía ao “matrimonio español que maior número de fillos tivera” ou ben ao “matrimonio español que conservara maior número de fillos vivos”, santo e sinal de Vox.
Ambos presupostos dánse no seo da familia Cuevas Benítez: 15 fillos vivos. No sei certamente se haberá máis casos coma este en Andalucía, onde o premio entregado en Granada ten como obxectivo algo que para Vox é bandeira: incentivar o modelo de familia tradicional e loitar contra a realidade da existencia de familias diversas.
O premio ou distinción entregado en Granada non leva aparellada ningunha compensación económica e decoñezo se hai para a familia algún tipo de axuda social (que existe en toda España para familias numerosas a partir de tres fillos); pero cavilo en torno ao que pode significar para a responsabilidade dos pais facer fronte ao feioto de alimentar -xa non digo nada vestir, dar estudos, etc.-a un total de 15 fillos, mesmo tendo en conta que cando naceron os últimos probablemente algúns dos primeiros xa estarían (cunha pouca sorte) a traballar e aportar á economía familiar algo de diñeiro, no benentendido de que os salarios deste tempo tampouco son para botar foguetes.
Pero quince fillos!…
O promedio de nacementos en España nos últimos vinte anos estabelece nun máximo de dous os fillos de calquera parella, número que maioritariamente non se acada censualmente.
Quince fillos son, coido, moitos fillos de Deus. E aos meus anos -cumpridos vai uns días os 80- non quero pensar no que ten que facer unha parella para atender debidamente a toda esa rapazada e como se pode chegar a fin de mes co salario dun ou os dous membros responsables da familia.