
Este mércores 14 de xuño celebrouse a presentación institucional da nova edición do festival Rompetiño Jump, que cada ano converte a vila de Porto do Son, por estas datas, na capital galega, estatal e internacional da música, dos deportes e da cultura urbana e alternativa. Na presentación participaron o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, amais do alcalde sonense Luis Oujo e os organizadores do evento. Rompetiño Jump chega este ano á súa sétima edición exhibindo as manifestacións do máis novidoso do deporte urbano galego. Celebrarase do 30 de xuño ao 1 de xullo.
Lete Lasa felicitou á organización e aos patrocinadores, a súa aposta “polo crecemento do deporte e da vida activa no pais, a través destas disciplinas que traen aire fresco á nosa cultura e patrimonios deportivos, e que contan xa, algunhas delas, coa mesma consagración do escenario olímpico”.
Na presentación interveu tamén Jacobo Sutil, director da Axencia Galega de Industrias Culturais da Xunta, quen explicou que o Rompetiño “entra a formar parte por vez primeira de FEST Galicia”, a marca que chega este ano á súa sexta edición co obxectivo de seguir a promover a nosa Comunidade como destino musical de calidade. Sinalou que o encontro de Porto do Son está adherido a FEST Galicia por ofrecer un valor engadido á experiencia musical, tanto desde o punto cultural como turístico, e tamén por contribuír á vertebración do territorio desde a sustentabilidade social e medioambiental. No caso do Rompetiño, valorou especialmente o seu proceso de profesionalización a partir da súa orixe nun marco escolar, a súa contribución ás contratacións artísticas e seu decidido arraigamento nunha contorna local que aposta por combinar o rural co urbano como fórmula para espertar o interese da xuventude.

Detalles da nova edición
O evento, coma de costume, porá a disposición dos asistentes unha zona deportiva e de exhibicións. Así, o sábado 1 de xuño desenvolverase a competición de BMX, e ao día seguinte, domingo, a de skate. A isto súmase a de basket (sábado e domingo) e a de breaking (sábado). Xa no eido musical, o cartel inclúe sobranceiros artistas da escena xuvenil e urbana, como Soto Asa, KayDy Cain, Al Safir ou Hard GZ, alén de figuras emerxentes como a trapeira arxentina Saramalacara.
Entre os artistas convidados están MDA & Ambeats dentro do estilo hiperpop, ou Parkineos, que procede o ámbito techno, aos que suman novas promesas como Kike Varela, Mateo Abelleira ou Deva.
Un dos puntos fortes do cartel deste ano é Soto Asa, que vén de publicar novo disco con Israel B, que tamén acudirá ao festival sonense.
Hard GG, Miranda, Albany, Kaydy Cain, Selecta e Dirty Suc confirmaron igualmente a súa presenza, como tamén o fixo Saramalacara, artista arxentina con máis de 600.000 seareiros en Instagram.
Organiza a Asociación Rompetiño co apoio do Concello, da Xunta e da Deputación da Coruña.



