O Centro Cultural Lustres Rivas de Ribeira exhibe ata o 24 de xuño unha nova exposición de pinturas titulada Os meus tempos, da artista Novais. Foi inaugurada na noite deste xoves 1 de xuño pola concelleira de Cultura en funcións, María Sampedro, acompañada da tamén edil Ana Barreiro e da propia creadora.
Tal e como recalcou María Sampedro, Novais é “unha artista que xa recalou noutras ocasións nesta sala con exposicións individuais e colectivas e que desta volta nos trae un conxunto de obras creadas nos dous últimos anos. Esta é unha exposición heteroxénea, conformada por óleos e acuarelas, obras de varios formatos, retrospectivas e outras creacións máis actuais destes dous últimos anos da artista. Os seus elementos e formas obedecen a un proceso creativo baseado fundamentalmente na combinación, proporcionando diferentes temáticas que reverten nunha obra con debuxos expresivos de trazo áxil”.
Segundo engadiu a edil, trátase “dunha mostra que convida a estudar unha linguaxe onde a fusión de formas nos lenzos, cos fondos vivos e radiantes, interrelaciónanse para formar un conxunto rico en matices expresivos, tematicamente equilibrado e visualmente atractivo”.
María Luisa Rojo-Novais naceu en Ponte do Porto (Camariñas). Realizou os estudos de debuxo, acuarela, pastel e óleo, escaiola, talla e modelado na Escola Superior de Artes Pablo Picasso da Coruña e posteriormente arquitectura e decoración de interiores en Salamanca e estudos de iluminación de obra artística en Madrid, ademais de cursos de gravado en Betanzos e Belas Artes da Coruña e o curso de arte contemporáneo na natureza da Universidade Internacional Menéndez Pelayo, entre outros.
Participou en numerosas exposicións individuais e colectivas en distintas cidades de Galicia e todo o territorio español ademais de participar en mostras en Portugal. Tamén recibiu varios galardóns en concursos e certames artísticos como o de pintura do Concello de Cambre, Premio Internacional de Pintura de Extremadura, Bienal Balconadas de Betanzos, etc.
As súas obras atópanse en colección públicas e particulares en diversos espazos como a Fundación CIEC Betanzos, nos concellos de Cambre, Ortigueira, Oleiros, Culleredo, Ribeira, Liceo de Betanzos, Colexio Médico da Coruña, etc. Comisariou diversas coleccións en galerías e foi xurado de varios certames ademais de ser membro da Asociación de Artistas Plásticos Galegos, Asociación de Artistas da Coruña, Sociedade Artística Ferrolana ou Pintores Destacados de Galicia.
En Ribeira ten participado neste mesmo Centro Cultural nas exposicións colectivas Entremares en 2015 e Elas en 2016, realizando unha mostra individual titulada Estilos en 2017, ademais de expoñer na Tenda-Galería O Faiado.