O pasado venres 9 de xuño presentábase en Rianxo (no Auditorio Municipal) o libro Sombras á deriva, obra literaria (e colectiva) do alumnado do Obradoiro de Escrita Creativa 2022, impartido e coordinado polo escritor limiao afincando na nosa comarca Antón Riveiro Coello e impulsado pola AELG e a Goberno local. Na cita as persoas asistentes tiveron ocasión de coñecer ao alumnado que participou neste obradoiro, representado na mesa polas novas escritoras Patricia Díaz, Marina Losada, Encarna Pego, Susana Fernández, Noelia Fernández, Paz Fernández, Abel Rodríguez e Carme García.

Ademais do alumnado do obradoiro, tamén se contou coa presenza de Clodio González da editorial Toxosoutos, do alcalde en funcións de Rianxo, Adolfo Muíños, e do responsábel de impartir os contidos taller (activo dende hai tres anos para impulsar novos talentos locais e seguir reivindicando o irredutíbel espírito literario rianxeiro), Antón Riveiro Coello.
O programa do evento incluíu un recitado poético a cargo de María Carrodeguas, quen deleitou aos presentes coa súa poesía, acompañada á guitarra por Riveiro Coello. Por certo que Carrodeguas tamén foi, este ano, participante do obradoiro.
O alcalde en funcións lembrou previamente que o material literario xerado na actividade ao longo do curso clausurado escolmarase, como vén sendo habitual dende o inicio da iniciativa, nun libro impulsado polo Concello e editado por Toxosoutos.




