Os primeiros días de xullo volverá celebrarse na Pobra do Caramiñal a Semana do Mar. Impulsada pola Concellaría do Turismo, trátase dunha axenda que, ademais da marcada compoñente lúdica, ten tamén un importante factor divulgativo para “explorar e dar a coñecer o estreito vínculo do municipio co mar”, segundo apuntou a concelleira do Turismo en funcións, Charo Varela.
A edil explicou que xa se están ultimando as actividades que integrarán esta edición e das cales darase conta polo miúdo en vindeiras datas. A programación contará novamente coa feira mariñeira, pero que neste ano cambiará a súa dinámica con respecto a anteriores convocatorias.
Así, máis de corenta postos de artesanía e alimentación converterán as rúas céntricas da vila nun foco de atracción turística nos días 7, 8 e 9 de xullo. Engalanadas con temática mariñeira, a acción concentrarase nas inmediacións do Cantón da Leña, da praza Victoriano García Martí, das rúas Unión e do Estremo, e dos Xardíns de Valle-Inclán. Estes espazos verán incrementada a súa animación con numerosos espectáculos itinerantes para tódalas idades, ademais de dispor dunha área exclusiva para o divertimento das crianzas.




