O Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal continúa a captar a atención de público en xeral pero tamén de entidades sociais e deportivas. Así, unha delegación procedente de Oleiros iniciou no 1 de xuño unha serie de visitas ao abeiro do programa de envellecemento activo para maiores de 60 anos Ven e descubre, promovido pola Área dos Servizos Sociais e da Igualdade do referido municipio coruñés.

Dentro do apartado de excursionismo, incluíron saídas a museos literarios baixo o nome Camiño das letras. Así, un grupo de 50 persoas aproximouse mediante unha visita comentada efectuada polo director da institución museística pobrense, Antonio González, á vida e obra de Valle-Inclán.

Regresarán con novas persoas participantes do programa en vindeiras datas: no 8 de xuño e no 7, 14 e 21 de setembro.
E, se a torre de Bermúdez desvelou os seus segredos ante a terceira idade na xornada deste xoves 1 de xuño, este sábado 3 será a quenda das novas xeracións: xestionada polo Crocha Balompé C.F., preto dunha vintena de rapaces/as asistirá a este ben de interese cultural (BIC).

Ademais, como xa é costume nas visitas grupais, faráselle entrega dunha guía sobre o museo.
Con esta actividade divulgativa, ademais de enxalzar a figura e legado do escritor, a Concellaría da Cultura pretende contribuír á dinamización da vila.




