Residentes e visitantes van poder desfrutar este verán da céntrica praia do Cruceiro, na vila de Porto do Son. Como lembraremos, o areal foi obxecto esta tempada dunha serie de traballos destinados a poñelo en valor e recuperar a súa riqueza ambiental e paisaxística, seguindo os parámetros marcados polo proxecto de recuperación do bordo portuario de Porto do Son.

A posta a punto da praia do Cruceiro incluíu o derrube dos muros de formigón que delimitaban a eliminación dos elementos de asfalto, co obxectivo de liberala da “pegada urbana” que afeaba o conxunto e garantir a súa accesibilidade con pasarelas de madeira firmemente asentadas. Tamén se puxo o foco na protección ambiental dotándoa de elementos separativos elaborados polo alumnado do Obradoiro de Emprego Tahume, na especialidade de Certificado de Confección e Montaxe de Artes e Aparellos.
Ao mesmo tempo melloráronse os servizos con duchas e elementos de iluminación non invasivos.

Os traballos despregados polo alumnado de Tahume incluíron entre outras cousas o acondicionamento do sistema dunar e dos accesos sobre táboas de madeira, espazos que se delimitan coas redes devanditas. Por certo que os labores nas formacións dunares acompañáronse da plantación de especies vexetais a autóctonas para protexer a contorna portuaria do vento, principalmente da zona de xogos o parque infantil lindeiro, que viña recibindo importantes achegas de area en canto o vento sopraba do nordés ou do mar a terra.




