O Concello de Outes compartiu detalles da súa nova oficina de turismo para este verán, emprazada nun destino que constitúe, en si mesmo, un dos grandes atractivos turísticos e culturais do municipio: o Estaleiro de Ciprián, o Espazo Museístico da Carpintaría de Ribeira. A oficina estará operativa estes meses de xullo e agosto, de martes a sábado (de 10 a 13 e de 17 a 20h) e os domingos (de 10 a 13h).
O Museo da Carpintaría de Ribeira, sede da oficina de turismo, é un proxecto que reivindica, recupera, preserva e mostra a tradición mariñeira, marítima e navegante galega, e máis concretamente a do concello de Outes. Situado en Broña, foi inaugurado oficialmente este pasado 4 de febreiro. O proxecto veu da man do Concello e ten un claro compoñente de reivindicación do pasado local, un pasado (todo o relativo á carpintaría de ribeira) que como tal desapareceu pero que pode ter, grazas a iniciativas coma esta, un novo e interesante futuro.
O proxecto de recuperación do estaleiro é finalista este ano da Bienal de Arquitectura.
É obra de Fortes Penedo Arquitectos, estudio con centros de traballo na Coruña e Vigo.




