O Concello de Rois presenta a programación do Outono Cultural 2026, que achegará ao Auditorio Municipal nove espectáculos de teatro, música, humor e narración oral entre o 10 de outubro e o 28 de novembro. Todas as citas contarán con entrada libre ata completar a capacidade.
A nova edición combina teatro profesional e afeccionado con propostas cómicas, musicais e de narración oral. A maior parte das funcións están dirixidas ao público xeral, mentres que as dúas citas dos venres 16 de outubro e 20 de novembro estarán especialmente pensadas para a cativada e as familias.
O Outono Cultural comezará o sábado 10 de outubro, ás 20.00 horas, con Eco das lendas, un espectáculo de Visioners Entertainment dirixido ao público xeral. A seguinte cita será o venres 16, ás 18.00 horas, con Novos lobos, da compañía Fantoches Baj. A proposta, recomendada a partir dos cinco anos, combina o teatro de monicreques coa narración oral para achegar ao público infantil unha nova mirada sobre estas personaxes dos contos tradicionais.
O humor e a música protagonizarán a función do venres 23 de outubro. Ás 20.00 horas, Pepo Suevos e Dani Dopazo presentarán Aínda estamos de festa, un espectáculo no que as cancións e a comedia compartirán escenario.
A programación de outubro pecharase o sábado 31, tamén ás 20.00 horas, con O proceso, de Malasombra Teatro. A comedia traslada o público ao tempo do Rexurdimento para abordar, arredor da figura de Curros Enríquez, as dificultades que atravesou a lingua galega no camiño cara ao seu recoñecemento como lingua de cultura.

Teatro e contacontos durante novembro
As actividades retomaranse o sábado 7 de novembro, ás 20.00 horas, con O parvo, do grupo Teatro Badius. A comedia parte dunha invitación a cear que comeza a complicarse cando Francisco Piñeiro, un convidado que semellaba un pouco parvo, empeza a enredar a situación.
Unha semana despois, o sábado 14 á mesma hora, a Asociación Cultural Papaventos representará Lévame ao paraíso. A obra presenta unha peculiar axencia de viaxes que ofrece todo tipo de destinos a quen poida pagalos e propón, desde a retranca e o humor, unha reflexión sobre a felicidade e o prezo das ilusións.
A programación familiar regresará o venres 20 de novembro, ás 18.00 horas, con Planeta LGTBIQ+, da Trastenda dos Contos. Este contacontos, dirixido ao público familiar e especialmente á cativada de entre seis e dez anos, achegará a diversidade de identidades mediante unha proposta adaptada ás primeiras idades.
Ao día seguinte, o sábado 21, ás 20.00 horas, o Grupo de Teatro Municipal de Ribeira subirá ao escenario con De tal pau…, unha montaxe centrada nas relacións entre nais, pais, fillos e fillas.
O Club de Maiores de Boqueixón será o encargado de pechar o Outono Cultural o sábado 28 de novembro, ás 20.00 horas, coa comedia Nós somos así. A través de catro situacións, un científico e unha filósofa investigarán en clave de humor se é certo que os galegos non temos remedio, analizando o noso xeito de ser e de relacionarnos.
Todas as funcións desenvolveranse no Auditorio Municipal de Rois. As propostas para público xeral comezarán ás 20.00 horas, mentres que os espectáculos infantís e familiares dos venres 16 de outubro e 20 de novembro serán ás 18.00 horas. A entrada será libre ata completar a capacidade.
Con esta programación, o Concello de Rois facilita o acceso da veciñanza a diferentes expresións artísticas e ofrece alternativas culturais para distintas idades no propio municipio.
O Outono Cultural 2026 conta co apoio da Xunta de Galicia e de Xacobeo 2027, así como da Deputación da Coruña, a través da Rede Cultural e da área de Igualdade de Xénero.



