A Andaina Solidaria de CONGALSA recupera o formato 100% presencial na súa nova edición: o 18 de xuño en Cabo de Cruz

06 Xuño 2023

A empresa alimentaria CONGALSA, con sede principal na Pobra e referente galego e estatal no ámbito dos produtos do mar, vai realizar este mes de xuño unha nova edición dun dos seus eventos benéficos máis importantes do ano: a súa tradicional Andaina Solidaria. Celebrarase o vindeiro domingo 18 de xuño en Cabo de Cruz (Boiro). Será a oitava convocatoria dunha actividade abeirada ao forte compromiso de CONGALSA coa Responsabilidade Social Corporativa (RSC) e que se salda cada ano con importantes cifras de recadación que son destinadas a fogares en risco a través de distintas entidades humanitarias.

Este ano hai novidades, porque se recupera o formato completamente presencial “para que todas as persoas participantes poidan interactuar ao redor dunha causa común, mentres gozan dun percorrido circular de 10 quilómetros que partirá, nesta ocasión, da Lonxa de Cabo de Cruz”, sinalou Isabel Cañas, directora de Relacións Externas da empresa.

Todas as persoas interesadas en tomar parte nesta iniciativa poden inscribirse a través das webs de CONGALSA e de Deporticket. ata o venres 16 de xuño ás 15.00 horas. A camiñada durará ao redor das dúas horas, cunha pequena parada na metade do traxecto para que as e os participantes poidan beber auga se o desexan. Ademais, serviranse petiscos ao finalizar o percorrido.

Dorsal 0

A iniciativa está aberta a todos os traballadores de CONGALSA que desexen inscribirse e participar na xornada, tamén aos seus familiares e amigos, así como a clientes e representantes de empresas provedoras, entidades colaboradoras e todo aquel que desexe participar. Iso si, quen non poida desprazarse ata Boiro poderá facer chegar a súa contribución esta iniciativa benéfica adquirindo o denominado dorsal 0 (realizando a doazón que consideren oportuna mediante calquera das pasarelas de pago habilitadas).

“O obxectivo de nosa Andaina Solidaria é contribuír a recadar fondos e alimentos para destinalos a entidades da comarca do Barbanza que traballen prestando apoio social a colectivos, persoas e familias en risco de exclusión social”, sinala Isabel Cañas.

Así, cada un dos asistentes deberá achegar, ademais de tres euros en concepto de cota solidaria de participación no momento da súa inscrición, polo menos un quilogramo ou un litro de calquera alimento non perecedoiro. O produto será entregado á organización da andaina o propio día da súa celebración, no punto de saída.

Obsequio para as 300 primeiras inscricións

As primeiras 300 persoas que se inscriban na actividade recibirán como agasallo a camiseta oficial da andaina, que se lles entregará tamén o propio día en que se celebre a iniciativa no punto de saída.

Todas aquelas interesadas en participar nesta acción poden consultar o seu regulamento completo e as bases nas webs de CONGALSA e de Deporticket.

Outros artigos

A Pobra do Caramiñal mostra xa ao Valle-Inclán máis íntimo

A cesión de obxectos persoais e mobiliario do Pazo da Mercé onde residiu o autor, xunto á súa biblioteca persoal, completa a colección do seu museo na localidade coruñesa. O pleno do concello da Pobra do Caramiñal aprobaba esta mesma semana unha corrección de erros...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Hacia la España federal”. Xosé Perozo

“Hacia la España federal”. Xosé Perozo

Si se cumplen las predicciones demoscópicas, el próximo domingo EH Bildu ganará las elecciones en el País Vasco, superando por primera vez al PNV en escaños y en votos. El fenómeno de crecimiento abertzale está rasgando las vestiduras de muchos politólogos y...