O alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, recibiu na mañá deste 18 de maio, no salón de plenos da Casa do Concello, a 31 rapaces do centro Escolas Diogo Cão Vila Real, de Portugal. Estes estudantes de 6º de Primaria, xunto con varios dos seus mestres, están de visita no concello con motivo dun intercambio, escolar co CEIP de Carreira e co CEIP de Artes que previamente visitaron o país irmán. A actividade está promovida polo Eixo Atlántico do Noroeste Municipal.
Durante a recepción, os rapaces estiveron acompañados de Isabel Teixeira, xefa de Servizos de Apoio Pedagóxico e Innovación Educativa, Carla Gregório, profesora de Educación Visual e Tecnolóxica, Armando Ribeiro Félix, director do Agrupamento de escolas Diogo Cao Vila Real e Pedro Miguel Santos Regadas, director co curso 6ºF do Agrupamento de Escolas Diogo Cão Vila Real.
Trala cita na Casa Consistorial, o alumnado ten programada unha ruta por lugares emblemáticos do noso concello como a Pedra da Ra, Dolmen de Axeitos, Parque Periurbano de San Roque e unha visita guiada á Lonxa e ao Museo Municipal.
Durante o mércores 17 visitaron Aguiño e participaron en diferentes actividades lúdicas organizadas polo Concello.