Rueda pide dende JEALSA medidas a prol da industria galega da coxeración

10 Maio 2023

A sede da conserveira JEALSA en Bodión (Boiro) recibiu este mércores 10 de maio a visita do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e do conselleiro de Economía, Francisco Conde, que foron recibidos e acompañados polo presidente do grupo, Jesús Manuel Alonso Escurís e máis polo alcalde de Boiro, José Ramón Romero. O titular da Xunta reivindicou a competitividade da industria galega ligada á coxeración, da que dependen máis de 20.000 empregos e da que JEALSA é un exemplo moi destacado.

Neste senso, instou ao Goberno central a que “active medidas para garantir viaibilidade e a competitividade do sector” (que produce electricidade e calor de xeito conxunto), con vistas a asegurarlle un futuro a medio e longo prazo nun contexto de suba de custos pola enerxía (o gas) e de volatilidade do mercado de CO2.

Segundo dixo Rueda, este problema afecta a máis de 80 empresas de sectores estratéxicos para Galicia do eido da madeira, alimentación, papel, refino ou biocombustíbeis, que representan o 25% do PIB industrial e que, dixo, no que vai de ano, experimentaron unha baixada da produción dun 40% de media. “Estas empresas”, dixo, “prevén que, sen un novo marco retributivo estábel para operar, nun par de meses, todas as plantas de coxeración en Galicia verán seriamente comprometido o seu futuro”.

A demanda

Rueda fixo saber, nun plano máis concreto, que estas firmas demandan que sexa o Estado quen adopte medidas que acheguen viabilidade e competitividade ao sector da coxeración e que promova esta tecnoloxía, como fan países como Alemaña ou Italia, a través dunha nova metodoloxía para a actualización da retribución e a convocatoria das poxas para adxudicar 1.200 MW de coxeración. Alfonso Rueda subliñou que “este sistema ten que seguir sendo competitivo para garantir o futuro e a viabilidade de empresas que supoñen miles de postos de traballo, directos e indirectos”.

Oportunidades e ameazas do sector do mar

O titular da Xunta salientou que “a industria do mar está chea de oportunidades, pero tamén de ameazas” e, nese sentido, recordou a necesidade de que se rebaixe o IVE dos seus produtos: “Algo tan básico como a conserva ten que ter o mesmo tratamento fiscal que outros alimentos”, indicou. O presidente da Xunta recordou tamén que é necesario que o sector entre no PERTE Agroalimentario para que se poida beneficiar das vantaxes que implica, e advertiu “sobre os riscos do tratado de libre comercio que a Unión Europea negocia con Tailandia”. Ao seu entender, Bruxelas “debe ter en conta a diferenza de calidade que hai entre o que se fai aquí, que é excelente, e o que se fai noutras partes”, polo que pediu que se asine un acordo comercial que protexa á conserva galega para que poida operar nos mercados internacionais “en igualdade de condicións”.

Para rematar, Rueda enxalzou a galeguidade de JEALSA, unha firma que “malia a súa expansión internacional, non esquece a súa orixe galega e que segue mirando polo porvir da súa terra”. Cun importante investimento en I+D+i, a compañía traballa agora na posta en marcha dunha nova nave no lugar de Bodión (Boiro) e no desenvolvemento dun proxecto de economía circular coa creación dunha biorrefinería mariña que agarda conseguir fondos do PERTE de descarbonización industrial.

Outros artigos

Deputadas nacionais do Psoe visitan AMICOS en Boiro

Ás representantes políticas no Congreso acompañáronas o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, e o concelleiro de Política Social, Raúl Treus Paula Mª Fernández e María Montserrat García visitaron a tarde deste martes, 14 de maio, as instalacións do Centro de Atención...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Nun dezasete de maio…” – Manuel Domínguez

“Nun dezasete de maio…” – Manuel Domínguez

No dia 17 de maio de 2019 veu a este mundo, não sei se era menino ou menina, uma vida muito especial, uma vida que nos incentiva a viver, a lembrar, uma vida que mantém a esperança de um projeto vivo. Já são 5 anos, no mundo da informação, dia a dia, onde a notícia é...