
O Pazo de Goiáns acolle este 15 de maio, a partir das 10.45 horas, a segunda edición do Campionato Barista de Colexios de Educación Especial, que será retransmitido en directo por streaming a través da canle de Cafés Templo e Baristas de Foz. Ademais do campionato, haberá obradoiros de galletas e cocteleira sen alcol para o alumnado dos centros asistentes.
O Concello de Boiro colabora coa celebración do II Campionato Barista de Colexios de Educación Especial que organiza o CEE Manuel López Navalón. Trátase dun campionato práctico que se celebra na especialidade de servizos de restauración dos programas formativos de centros de educación especial de todo Galicia.
Nesta edición van participar o CEE Manuel López Navalón de Santiago de Compostela, o CEE Maria Mariño da Coruña, o CEE Terras de Ferrol, o Cee Pontevedra e o CEE Infanta Elena de Monforte de Lemos. “O obxectivo deste concurso é tamén dar visibilidade aos centros de educación especial e ao traballo que realizan día a día”, recoñeceu Juan Manuel Carracedo, secretario do CEE Manuel López Navalón.
O concurso vai consistir na elaboración de varios tipos de cafés por parellas, con 15 minutos de preparación e 15 de presentación.



