A poboación galega de máis de 50 anos é o público ao que vai encamiñada a proposta interxeracional Campus Itinerante de IV Ciclo, máis polo miúdo ao colectivo xubilado e prexubilado co obxectivo de promover o avellentamento activo. Deste xeito a Universidade de Santiago de Compostela (USC) organiza o dito Campus, co apoio da Dirección Xeral de Maiores e Servizos Sociosanitarios da Xunta de Galicia, de cara a previr a dependencia e a favorecer a autonomía persoal, a través dun programa de actividades que hoxe, martes 9 de maio, remata cun acto de clausura no que participarán a directora do IV Ciclo da USC, Esther Olveira, e a subdirectora xeral de Recursos Residenciais e de Atención Diúrna da Xunta de Galicia, Yolanda Otero. A sesión contará cun relatorio do profesor da USC Anxol Carracedo e botará a andar a partir das 18 horas no Auditorio municipal do Concello de Ribeira.

Cómpre engadir que este Ciclo está desenvolto coa colaboración da Mancomunidade de Barbanza Arousa, este Campus quer favorecer a construción dunha sociedade que garanta os dereitos e deberes para todas as idades en igualdade de oportunidades. “Con este programa pretendemos que o envellecemento activo sexa unha aposta clara por ser máis asertivos nas tomas de decisión pero tamén na mellora da función cognitiva-sensorial para evitar a súa diminución mediante o incremento da funcionalidade física, favorecendo unha mellora da autoestima e da autosuficiencia”, explica a directora do Programa Universitario de Maiores, IV CICLO da USC, Esther Olveira. O campus contou con especialistas de diferentes disciplinas: saúde cardio saudábel, depresión, saúde visual, nutrición ou xenómica ou medicina personalizada foron algunhas das cuestións abordadas no foro.