O Partido Popular de Ribeira emitiu un comunicado no que achega a súa valoración sobre os resultados das eleccións municipais deste domingo 28 no concello, que situou novamente á agrupación como a primeira forza do municipio, ás portas da maioría absoluta. O PP comeza o comunicado agradecendo o apoio brindado “polos 5.179 veciños que apoiaron a nosa candidatura”. Na súa opinión “foi un moi bo resultado nun momento difícil, marcado pola irrupción de novos partidos no noso espectro e pola desaparición doutros na banda da esquerda, onde o voto quedou concentrado practicamente nunha única formación”. Malia así, comentan, “temos que salientar que o centro-dereita aglutina 16 dos 21 concelleiros da Corporación”, o que “denota cal é o sentir ideolóxico predominante entre a cidadanía do noso municipio”.

Argumentan tamén que a estabilidade institucional e a gobernabilidade de Ribeira deben estar “por riba de todo” e que o Partido Popular “xa demostrou que sabe en dialogar e gobernar en minoría, e considera que posibles pactos antinatura motivados polo único argumento de desbancar ao Partido Popular serían moi prexudiciais para os veciños nun momento con tantos proxectos en marcha nos que unha xestión eficaz para sacalos adiante resulta fundamental”.
E conclúen: “Estes días dedicarémonos a analizar polo miúdo os resultados das diferentes mesas electorais, nas que se ben nun amplo número de meses roldouse o superouse o 50% dos sufraxios si detectamos que nalgunha parroquia puidemos acusar problemas puntuais como pode ser a falta de médico a templo completo ou os excesivos cortes de auga”.




