Dentro das actividades do Maio Cultural de Ribeira e das celebracións do vindeiro 17 de maio, a Biblioteca Municipal de Ribeira está a albergar unha exposición bibliográfica dedicada a Francisco Fernández del Riego, o autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.
Está formada por unha trintena de obras de ou en torno a este autor e intelectual, que foi presidente da Real Academia Galega entre 1997 e 2001.
A mostra estará aberta ata o 31 de maio.

A axenda de Ribeira tamén incluíu o Concerto das Letras Galegas, o sábado 6 de maio ás 20 horas no auditorio, e que estivo protagonizado polas corais Voces Amiga de Moraña, San Xoán de Serres de Muros e a Coral Municipal de Ribeira. Ao seguinte sábado, este sábado 13, celebrouse o concerto do Orfeón Terra A Nosa. Esta semana, o venres 19, está previsto o concerto de presentación do novo disco do grupo Boroa; o 20 de maio o Concerto da Laudars Orquestra de Barcelona e tamén as actuacións da Noite Nova coa Orquestra Platinum e DJ Mateo Abelleira; e o 27 o concerto de Aranjuez da Orquestra Sons.
En canto ao propio día 17 de maio, conmemorarase cun espectáculo musical titulado Picadiscos de María Faltri a mediodía na praza do Concello, coa xornada das letras galegas que impulsa a Asociación Francisco Lorenzo en Aguiño dende fai xa 17 anos con actividades para a cativada como inchábeis, xornada de debuxo con agasallos, espectáculo infantil familiar, e o broche de ouro para esa xornada será ás nove da noite de novo na praza do Concello coa presentación de Moi Noso, o novo disco de Xandre Millet.

O venres 26 ás once no Auditorio Municipal entregaranse os premios da XXXI edición do Concurso Escolar das Letras Galegas do Concello de Ribeira; tres décadas celebrando este certame que naceu en 1992 e que promove entre os cativos a lingua e literatura galegas en diversas modalidades; un concurso que xa está en marcha e que está dirixido a escolares do municipio con idades comprendidas entre os 7 e os 12 anos. Para complementar e animar este acto de entrega aos premiados contarase co espectáculo titulado O Espantallo Amigo dos Quinquilláns, que adapta o coñecido libro de Xosé Neira Vilas, un dos grandes da literatura galega.
Así mesmo, a finais do mes de maio desenvolverase tamén a vixésimo terceira edición da Mostra de Teatro Infantil de Ribeira Daniel Gómez Ramil cuxos detalles serán presentados máis adiante.



